O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe en Lugo para criticar o proxecto de orzamentos da Xunta, co que Feijóo “pechou o grifo aos concellos” ao reducir os fondos que lles destinan.
É, afondou o líder do PSdeG, “unha falla de respecto” ás administracións que estiveron “protexendo á cidadanía” e tomando medidas nos eidos nos que non cumpriu a Xunta trala chegada da pandemia.
Sobre todo, como dixo Gonzalo Caballero en compañía da secretaria provincial do PSOE en Lugo, Patricia Otero, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación, José Tomé, porque a Xunta recibiu máis de 1.100 millóns de euros extra do Goberno de España e mais da UE para enfrontar a covid.
“Feijóo evita repartir o incremento de fondos cos concellos galegos”, reprochou o máximo dirixente do PSdeG, quen considerou o recorte de fondos aos municipios “unha falla de decencia” por parte da Xunta.
“RODILLO DO PP”
En paralelo, o líder do PSdeG sinalou que o aumento dos orzamentos da Xunta derivado das aportacións extraordinarias do Estado e da UE, froito das xestións do goberno presidido por Pedro Sánchez, supoñen “unha emenda á totalidade” das políticas de Feijóo nesta última decada.
Foi, como dixo Gonzalo Caballero, unha década de “recortes, de constrinxir o público, de priorizar o axuste contable” que agora Feijóo ten que reorientar apostando por políticas anticíclicas, como marcan os ditados da UE, pero para as que carece de “proxecto de país”.
Precisamente por iso, criticou que Feijóo non queira selar “un gran acordo” coas forzas da oposición e tamén cos alcaldes e presidentes de deputación. “Feijóo segue co seu rodillo”, reprobou, consciente da “ocultación” dos 108 proxectos europeos e das “políticas de curto alcance” que pretende poñer en marcha.
Así aludiu Gonzalo Caballero ao feito de que a sanidade e a educación perden “peso relativo” nos orzamentos da Xunta e a que “falta compromiso” en materia industrial ou de reforzamento do medio rural.
“CONTAS FICTICIAS”
A secretaria provincial e deputada autonómica, Patricia Otero, dixo hoxe que os orzamentos de Feijoo para a provincia de Lugo “son unhas contas ficticias, maquilladas, e sobre todo que non responden as necesidades dos lucenses, nin ás nosas prioridades, nin por suposto saldan as débedas históricas e pendentes coa provincia. Os orzamentos teñen que retratar a realidade da provincia e a única realidade que poden comprobar, e que aquí está todo por facer, poque non se fixo absolutamente nada”.
Otero convidou ao presidente Feijóo a visitar a provincia para “explicarlle a toda a veciñanza que a Xunta vai destinar 150.000 euros para o Plan de mellora do frisón de Galicia 2019-2022. Esta é a única partida especifica de Medio Rural que aparece nos orzamentos para os gandeiros de Lugo”, lamentou.
Máis polo miúdo analizou as partidas destinadas as infraestruturas da provincia. “Aquí comprobamos que Feijóo leva a Galicia no corazón, pero a nosa provincia non aparece nin nos investimentos nin nos orzamentos. Porque unha vez máis o papel suxéitao todo, e comprobamos como se repiten as mesmas partidas económicas e os mesmos proxectos que na pasada anualidade. Os exemplos máis significativos podemos comprobalos nas estradas LU-231 Eixo Begonte-Friol-Palas, no acondicionamento da LU-651 en Folgoso do Caurel, os accesos ao Porto Seco de Monforte, ou a ronda leste de Lugo”.
Sobre este asunto tamén aludiu ao investimento da autovía do corredor Nadela-Sarria. “As contas de Feijóo xa advirten que este desdobramento só vai chegar a Sarria, e non ata a Monforte de Lemos como inicialmente estaba previsto. Esta é a politica do PP promover infraestruturas en anaquiños, sen previsión e sen visión de futuro das nosas infraestruturas”.
No que se refire a Augas de Galicia remarcou que “vai pasar á historia da nosa Comunidade por ser o ente que mellor representa as carencias desta provincia, pero dos 67 concellos da provincia só hai actuacións en 5 Concellos, e na maioría deles con proxectos que xa estaban pendentes doutras anualidades, seguimos con máis do mesmo, copiamos e pegamos, o papel aguantando todo”. A modo de exemplo citou a Edar de Burela, que conta cun orzamento de 369.000 euros, para unha obra que ten un custe total de preto de 9 millóns de euros.
No eido sanitario, volven anúncianse proxectos como Plan Director do Hospital da Mariña ou actuacións no Hospital de Monforte de Lemos, “pero a única realidade sanitaria da nosa provincia é que os profesionais, xunto con toda á cidadanía, denuncian os constantes recortes en profesionais médicos, cardiólogos ou anestesistas. De pouco serve que dotemos de máis formigón ou de máis altura aos hospitais comarcais, senón se contratan a máis profesionais”.
A entidade Portos de Galicia presenta un orzamento de preto de 600.000 euros para a provincia de Lugo. “Saben cal é o montante do orzamento de Portos para toda Galicia adicado á construción, conservación e explotación portuaria?. Exactamente 18.836.909 millóns de euros. Despois os dirixentes do PP paséanse por esta provincia facendo fotos polos peiraos co sector pesqueiro, pois aquí teñen as contas de Feijóo para Lugo, o 3,18% é o que lle corresponde á nosa provincia nesta área”, espetou Otero.
E sobre o orzamento de Xestur, “é unha partida que reflicte claramente o apoio de Feijóo para a creación de novas industrias e novo tecido empresarial na nosa provincia. Creo que debe de poñerse como exemplo culmen da ineficacia, da inoperancia e da inexistencia de políticas de promoción do solo industrial impulsadas polo PP na historia da Autonomía. Ascende a máis de 4 millóns de euros, os mesmiños que aparecían na pasada anualidade. Non se fixo absolutamente nada con este orzamento, cero”.
Por último aludiu aos últimos proxectos anunciados polo Goberno de Feijóo neste mesmo mes na provincia. Como por exemplo as melloras de saneamento en Portomarín ou en Monterroso, “pero unha vez máis coas contas na man, comprobamos que ningunha destas obras conta con partida orzamentaria para executarse. Así son as contas de Feijóo para a provincia de Lugo, cheas de compromisos pero sen consistencia económica. Os orzamentos da Xunta na provincia de Lugo teñen que retratar a realidade da provincia, e a única realidade que poden comprobar, e que aquí esta todo por facer, porque non se fixo absolutamente nada”, resumiu.
“ORZAMENTOS NEFASTOS”
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo e alcalde e Monforte de Lemos, José Tomé Roca, dixo que a realidade dos orzamentos da Xunta “seguen esquecendo á provincia de Lugo. Son uns malos e nefastos orzamentos para toda a provincia de Lugo”, insistiu.
Remarcou que non “inclúen partidas especificas para axudar aos concellos a loitar contra a pandemia, cando está recibindo moitos fondos do Estado. Ademais, caen as transferencias aos Concellos nun 6,4%, concretamente no fondo de cooperación local recortan 4,5 millóns de euros, que é o que van de deixar de percibir os Concellos”. Tomé afirma que as contas de Feijóo tamén “repiten as mesmas partidas para infraestruturas que son vitais para á nosa provincia, pero que non as executa”.
Sinala ademais que non atende a realidade socioeconómica do noso territorio. “Resulta imposible facer uns bos orzamentos cando non se escoita aos concellos, cando se pasa olimpicamente da FEGAMP, das grandes cidades ou das deputacións, coas que non goberno polo menos”.
Estes orzamentos non contemplan partidas específicas de loita contra a pandemia, xa que non se teñen en conta os gastos como a de desinfección dos colexios. “É unha competencia da Xunta, pero sacouse o morto de enriba e pasóunolo aos concellos”, advertiu Tomé.
Tamén aludiu ao acceso do Porto Seco de Monforte de Lemos, “catro anos coa mesma partida sen executar, e nin sequera teñen o proxecto feito”. O mesmo ocorre coa UCI do Hospital, “hai unha UCI sen tocar e sen abrir dende a época de Touriño”, lembrou.
“Feijóo fixo un orzamento onde se dispara a débeda pública en máis de 600 millóns de euros. Beneficia isto ao conxunto do territorio?, á provincia de Lugo dende logo non”. Por último sinalou que Feijóo dixo que ía ser a lexislatura do rural “pero aquí non desenvolveu nin unha soa medida, foi retroceso no rural, e como podemos comprobar Feijóo castiga onde non goberna”.
“UN DÉJÀ VU”
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, cualificou os orzamentos de Feijóo como un “déjà vu”. “Comprobamos que ano tras ano aparecen as mesmas, pero non se executan”. Nesa liña aludiu ao Plan Paradai que segue igual despois de 21 anos, ou a rolda de Leste. “En 11 anos que leva Feijóo de presidente da Xunta, non inaUgurou absolutamente nada na nosa cidade, esta é a falla de compromiso máis palpable”, denunciou.
Nesa liña avanzou emendas aos orzamentos da Xunta para reclamar “o Museo da Romanización, así como a dotación de servizos no rural, a través do canon do auga, coa mellora de saneamento nas nosas parroquias”.
Méndez lembrou o compromiso de Feijóo para investir no Fondo Capital de emprendemento que impulsa o Concello, dotado con 12 millóns de euros, “para paliar a situación actual e ser proactivos”. Tamén no que se refire á vivenda pública, onde actualmente hai máis de 1.000 demandantes de vivenda pública ou implementar chan industrial para atraer empresas á cidade.
Sobre HULA, “é necesario dotar de máis persoal, porque senón somo capaces de ver agora a importancia, tanto no eido sanitario como educativo, de dotar de persoal coa crise que estamos vivindo, entón é que temos unha crise de visión de presente e de futuro. É necesario ter a unidade de ICTUS”.
“Hoxe máis que nunca temos que estar á altura das circunstancias e ter en conta as emendas que se trasladan aos orzamentos de todo o territorio, xa que coñecemos ben as nosas necesidades. É o momento dos compromisos, da execución, e de demostrar á cidadanía que temos a obriga de entendernos entre as distintas administracións, para que ninguén se quede atrás por riba dos intereses partidistas”.