O portavoz do Grupo Socialista critica a “campaña do botafumeiro” despregada polo goberno galego cuns orzamentos que “carecen de estratexia e son un fiasco para a reactivación económica”
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, cualificou hoxe de “gran estafa” os orzamentos da Xunta para 2021, toda vez que, a pesares de aumentar a súa contía grazas ás aportacións do goberno de España, “Feijóo reduce o investimento para atención primaria e protección da saúde mentres aumenta un 6% o gasto en persoal de confianza e asesores do PP”.
O responsable socialista subliñou que “se alguén cre que a reactivación hai que facela quitándolle fondos á sanidade para que o PP poida contratar máis cargos de confianza”, en realidade “vai na dirección contraria” e “estalle dando as costas aos galegos e ás galegas e demostrando que non sabe como facer uns orzamentos para reactivar o país cun compoñente estratéxico no social e na xeración de emprego”.
De feito, sinalou que “se algo temos aprendido durante a pandemia é a importancia da sanidade pública” tamén para a reactivación económica, polo que “parécenos un escándalo que Feijóo reduza os orzamentos para atención primaria e que recorte a protección á saúde”. “Incrementa en máis dun 6% o orzamento para persoal de confianza para colocar aos amigos do PP nas distintas consellerías, en vez de apostar pola sanidade pública”, reprobou.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero puxo en cuestión o compromiso de Feijóo coa sanidade pública, toda vez que opta por reducir partidas como a de atención primaria a pesares das listas de espera e da situación crítica dos profesionais polas condicións laborais impostas dende a Xunta, que ten á sanidade “metida na UVI”.
Asemade, contrastou o orzamento destinado á atención primaria nos orzamentos de 2022, con 1.389 millóns de euros, co último orzamento do goberno de Emilio Pérez Touriño, que tiña daquela case 200 millóns de euros máis, con 1.514 millóns. E explicou que esta diferenza é de preto do dobre tendo en conta a actualización pola suba do IPC.
Esta é a realidade, engadiu, das políticas do PP, que “saca a máscara” logo de “terlles escoitado a súa suposta aposta pola atención primaria”, e logo de momentos “terribles” veñen a constatar que “todo foi un engano”.
“AXUSTES CONTABLES”
Ademais, Gonzalo Caballero incidiu en que os orzamentos da Xunta para o próximo ano demostran a “falla de rumbo” do goberno galego para afrontar a reactivación económica. “Feijóo amósase incapaz de fixar obxectivos estratéxicos e medidas para impulsar Galicia de cara á era poscovid”, remarcou.
Do mesmo xeito, criticou que a Xunta ten limitado a política orzamentaria a meros “axustes contables carentes de prioridades e dun verdadeiro modelo para a reactivación”. Así é que Feijóo, concluíu, amosa que “non sabe artellar uns orzamentos orientados á recuperación do país, cun compoñente estratéxico no social e centrados na xeración de emprego”.