O líder do PSdeG advirte de que “Galicia non pode estar á espera dunha Xunta que non exerce”: “É o momento de esixir eficiencia”
O dirixente socialista reclama que compareza o conselleiro de Cultura para explicar o “fracaso” da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe á Xunta que entregue os 14.500 ordenadores portátiles con conexión a internet que o goberno de España empezou a enviar en abril para o alumnado galego, así como que poña a disposición das pemes e autónomos de Galicia os 234 millóns de euros transferidos á Xunta hai case un mes para axudas directas.
“Galicia non pode estar á espera dunha Xunta que non exerce”, subliñou o dirixente socialista nunha comparecencia ante os medios de comunicación, consciente de que “é o momento de esixir eficiencia e de esixir máis capacidade ao goberno galego” para apoiar ás familias.
No que atinxe aos ordenadores para o alumnado, Caballero afeou ao goberno galego que teña parte dos 14.500 dispositivos “gardados” no canto de entregalos e facer fronte así á “exclusión tecnolóxica”.
Do mesmo xeito, o líder do PSdeG reprobou que a Xunta segue sen derivar os 234 millóns de euros de axudas directas a pemes e autónomos que tamén lle transferiu o goberno de España hai case un mes. “Cada día que pasa sen que o goberno galego transfira eses fondos, é un día de retraso na reactivación e na supervivencia do tecido produtivo”, evidenciou.
“Non nos podemos permitir que a Xunta deixe sen exercer todas as posibilidades que ten”, afondou Gonzalo Caballero, quen chamou a reforzar a “resposta social” do executivo autonómico para “que ninguén quede atrás” logo da crise do coronavirus.
Neste sentido, o secretario xeral tamén requiriu á Xunta que renove os contratos aos profesores que foron contratados de forma extraordinaria neste pasado curso no ensino público a causa das circunstancias derivadas da pandemia.
RIBEIRA SACRA
En paralelo, reclamou a comparecencia do conselleiro de Cultura para dar conta diante do Parlamento do “xerro de auga fría” que supuxo que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade non fora adiante. Gonzalo Caballero dixo que o conselleiro debe explicar “o que fallou” para que a candidatura non prosperara, o que supón un “fracaso colectivo que teñen que explicar o presidente da Xunta e o conselleiro de Cultura”.
“Merecemos saber se a Xunta está a facer ben os deberes” nas candidaturas a Patrimonio da Humanidade logo dos informes técnicos da Unesco que botaron por terra as aspiracións da Ribeira Sacra, remarcou, ao tempo que criticou que ata o momento o conselleiro non dera “ningún paso” para explicar esta situación no parlamento e para que os galegos e galegas saiban “en que fracasamos” dende o goberno galego.
Sobre todo, como recordou, á vista de que hai outros proxectos sobre a mesa para optar a Patrimonio da Humanidade pola Unesco, como o caso das Illas Cíes e da cidade de Ferrol.
ISAURA ABELAIRAS
Finalmente, o portavoz do Grupo Socialista manifestou hoxe “todo o recoñecemento” ao traballo da deputada e exconcelleira de Vigo Isaura Abelairas, que faleceu a semana pasada, poñendo en valor o seu traballo na loita pola educación pública, pola igualdade e pola inclusión social.
Ademais, avanzou que dacordo ao indicado pola presidencia do Parlamento, o pleno comezará mañá martes cun minuto de silencio en memoria de Abelairas, quen será substituída pola xornalista viguesa Noelia Otero.