O secretario xeral pide “un esforzo” para facer listas de delegados “de integración e unidade”, amosando que “somos capaces de traballar unidos á hora de definir o mellor proxecto para o país”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lanzou hoxe unha mensaxe de unidade a toda a militancia socialista de cara á elección dos delegados ao congreso federal do PSOE. “Non podemos permitir aparentar unha división artificial cando todos estamos unidos en torno ao presidente, que é o noso secretario xeral, e ao goberno de España”, recalcou.
Nunha comparecencia diante da escultura do fundador do partido, Pablo Iglesias, en Santiago, o líder do socialismo galego sinalou que con ese obxectivo, o de apelar á unidade, xa remitiu unha carta ás estruturas provinciais.
“É a miña responsabilidade como secretario xeral do PSdeG traballar para que toda a organización en Galicia asuma a unidade e a integración á hora de respaldar a liña federal encabezada polo noso secretario xeral, Pedro Sánchez”, afondou, ao tempo que subliñou que cómpre “un esforzo para que haxa candidaturas de integración e de unidade en cada unha das provincias”.
Nese senso, Gonzalo Caballero apelou a que “se fagan todos os esforzos, con xenerosidade, para amosar que somos capaces de traballar unidos á hora de definir o mellor proxecto para España”. “Porque cando o socialismo galego entende a unidade, ten máis forza e capacidade para trasladar a Madrid o que nos preocupa a todos e todas”, remarcou.
Así é que requiriu a todo o partido estar “á altura das circunstancias” de cara ao congreso federal, apostando polo proxecto de Pedro Sánchez, co que “o partido volveuse situar á esquerda e dixo non ao goberno do PP e de Rajoy” e conseguiu despois “abrir unha nova etapa de goberno de progreso e de modernidade para España”.
TRABALLAR NA REACTIVACIÓN
O responsable socialista fixo este chamamento para reforzar a liña política do PSOE, por canto “necesitamos todo o impulso do goberno de España para que manteña unha liña de acción que permita fortalecer a situación da cidadanía fronte á crise e reactivar o país”.
De feito, indicou que este novo curso político terá que centrarse na reactivación económica, social e cultural fronte á “estratexia da dereita e a ultradereita, que intentan marcar unha folla de confrontación contra o goberno de España”. “Sabemos que mentres o goberno vai traballar na reactivación, a dereita e a ultradereita intentarán derrocar ao goberno a través do conflito e a tensión”, apostilou.