O voceiro do Grupo Socialista sitúase entre a “inacción” conservadora e a “autodeterminación” nacionalista e reclama “poñer ás persoas por riba de calquera clave ideolóxica ou dogmática”
Sinala que Feijóo anuncia baixadas de impostos grazas ás achegas adicionais do goberno de España e reclama uns orzamentos “que pensen na xente” e “fortalezan a sanidade e a educación públicas e as políticas sociais”
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, apostou hoxe por “actualizar” o Estatuto de Autonomía de Galicia nesta mesma lexislatura, unha vez que “pasemos as peores fases da pandemia”.
Así o dixo logo de participar nunha mesa redonda sobre o Estatuto de Autonomía no ano no que a nosa carta estatutaria cumpre 40 anos de vixencia, e nunha xornada na que tamén participaron Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, presidentes socialistas da Xunta.
Nese foro, chamou a “buscar aquelo que nos poida unir para defender aos galegos e ás galegas diante dos retos da reactivación económica” e subliñou que a “actualización” do Estatuto ten que servir para “fortalecer os dereitos das persoas e garantir novos dereitos e liberdades aos galegos e galegas con independencia de onde vivan” a través dunha carta de cidadanía.
En concreto, Gonzalo Caballero explicou que o obxectivo desta reforma estatutaria é “darlle maior capacidade, dereitos e liberdades ás persoas de Galicia para a década que estamos abrindo”. Asemade, lembrou que Galicia continúa con esta “asignatura pendente”, unha tarefa que xa afrontaron a maioría das comunidades autónomas de España.
Por iso, Gonzalo Caballero apelou a facer un “esforzo conxunto” para “fortalecer o benestar poñendo ás persoas por riba de calquera clave ideolóxica ou dogmática”, pasando páxina “á inacción e a falla de compromiso do PP” con Galicia e sen caer “no soberanismo ou na autodeterminación”.
“Nós estamos orgullosos do noso papel indiscutible na aprobación do Estatuto vixente”, reivindicou o voceiro do PSdeG no Parlamento, quen se amosou “disposto a xogar o papel de buscar acordos e consensos nesta lexislatura” como fixeron os e as socialistas en 1981.
ORZAMENTOS DA XUNTA
En paralelo, o portavoz socialista na Cámara galega aludiu á aprobación dos orzamentos de Galicia, aprobados onte no Consello da Xunta, e requiriu que se centren “na reactivación, en fortalecer os servizos públicos, modernizar a economía galega e tamén en crear emprego de calidade”, logo de 12 anos dun Feijóo que se limitou a meros “axustes contables”.
De feito, Gonzalo Caballero incidiu en que “Galicia careceu dunha política económica para impulsar a xeración de emprego e a modernización do noso país”.
Reclamou así que se aproveiten os orzamentos do próximo ano para “modernizar Galicia, xerar emprego, rectificar as políticas de recortes e impulsar a fronteira de desenvolvemento da nosa comunidade”. Do mesmo xeito, chamou ao PP a “pasar páxina dunha política económica carente de proxecto, de modelo e de impulso” para facer agora “unha nova política económica de reactivación pensando nas persoas”.
Preguntado polas rebaixas fiscais que introducen as contas, Gonzalo Caballero reprochou a Feijóo os seus anuncios mentres o goberno de España remite a Galicia 1.000 millóns de euros extraordinarios para a recuperación logo da crise da covid. “Demostra que as políticas de Feijóo son as de que el invita pero paga o goberno central”, resumiu.
En todo caso, subliñou que “a política fiscal hai que facela pensando na xente, fortalecendo a sanidade e a educación públicas e as políticas sociais” e non “para beneficiar aos millonarios”, como fixo Feijóo cunha rebaixa no imposto sobre o patrimonio “pensando nos poderosos e non na xente do común”.
Por iso, Gonzalo Caballero reclamou a Feijóo que “deixe as políticas facendísticas de corte neoliberal e aposte por políticas de progreso e que se convertan nun elemento propulsor e tractor do futuro de Galicia”.