A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe que o “desleixo” do goberno galego ten provocado o “fracaso” das políticas de apoio aos autónomos. A responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión na que sinalou o “desastre” da Estratexia Autónomo 2020, presentada polo goberno galego en xullo de 2017 e que apenas está a 14 meses do seu remate.
Neste período, dixo, o goberno galego ten acadado o rexistro máis baixo de afiliados ao réxime de autónomos dos últimos 12 anos, con 210.070 traballadores dun colectivo que, de acordo con Facenda, están a declarar “os mesmos ingresos que en 2007”, que “non compensan o IPC nin o incremento do custe da vida, dun 17 por cento en Galicia para este período”.
Rodríguez Rumbo puntualizou que as medidas anunciadas polo Executivo, que supuñan 40 millóns de euros anuais, resultan “meramente cosméticas”, e pouco fixeron para mudar unha tendencia á baixa que supuxo a perda de 19.879 altas no réxime de autónomos dende 2009.
A parlamentaria socialista lembrou que máis da metade dos traballadores do Réxime de Autónomos traballan no sector servizos, 8 de cada 10 non teñen asalariados ao seu cargo, e case 8 de cada 10 cotizan pola base mínima. Ademais, case a metade deles teñen entre 40 e 54 anos, e máis dun terzo superan os 55 anos.
Acusou ademais ao goberno galego de aplicar o rodillo parlamentario para desbotar tódalas propostas para respaldar a este colectivo. Lembrou que os socialistas galegos teñen presentado iniciativas para esixirlle á Xunta que presente, en 3 meses, un plan de fomento da substitución xeracional no traballo autónomo, partindo da diagnose da situación das actividades dos autónomos e autónomas e o seu impacto na economía de Galicia.
Tamén reclaman unha definición dos colectivos prioritarios e o desenvolvemento de medias instrumentais para facilitar e impulsar o relevo xeracional, así como o replantexamento das previsións do goberno galego neste sentido para apoiar aos mozos e mozas que asumen estas actividades por conta propia. Estes atópanse dificultades de integración xa que abordan negocios con moito risco sen a preparación práctica necesaria.