O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, afirmou este venres que ve a Rueda “temeroso e preocupado” polo “clamor social” fronte ao colapso coa manifestación do domingo que por resolver os problemas da sanidade pública.
O líder dos socialistas galegos ofreceu unha rolda de prensa acompañado do voceiro parlamentario, Luis Álvarez, na que se centrou na manifestación en defensa da sanidade pública convocada para este domingo en Santiago de Compostela pola plataforma SOS Sanidade Pública e na que esperan unha asistencia masiva dende todos os recunchos do territorio galego.
Afirmou que tanto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como o seu goberno está “preocupado e temeroso” ante o “clamor social” dunha manifestación apoiada por “todos os colectivos de profesionais sanitarios, formacións sindicais e partidos políticos galegos, salvo o PP”.
Valentín González Formoso manifestou que a cidadanía galega vai a “dar un grito en favor da sanidade pública e advertirlle a Rueda de que non valen parches”, afirmando que o presidente “anuncia cada día un parche e nunca solucións reais para os problemas so sistema sanitario galego”.
Entre estes “parches” enumerou os pisos gratuítos para médicos doutra parte de spaña en Sanxenxo, poñer ao persoal de enfermaría a facer funcións de médicos ou a o atraso da xubilación ata os 72 anos.
Tamén valorou as medidas anunciadas no pleno desta semana polo goberno galego que “só teñen unha duración de seis meses”, polo que “son fume” coa intención de desmobilizar de cara ao domingo, seguindo a liña na que se manifestaron xa os colexios médicos de Pontevedra ou Ourense.
ACATAR A DECISIÓN XUDICIAL
Atendendo a un dos temas de maior relevancia durante a semana, manifestou a posición do PSdeG sobre a sentenza do Tribunal Supremo que valida que a factoría de Ence siga no seu emprazamento actual na ría e Pontevedra ata o 2073.
Formoso resaltou que os socialistas manteñen a súa posición histórica de que debería saír de Lourizán, pero manterse na comarca para preservar os postos de traballo que dependen dela. Sen embargo, cunha sentenza do máximo órgano xudicial do Estado, aseguran que agora toca respectar as decisións xudiciais e mirar cara diante.
No horizonte, o líder do PSdeG prantexa “esixir á empresa que invista na modernización dunha instalación claramente obsoleta”, así como na seguridade dos traballadores e da cidadanía pontevedresa, ademais de investimentos na cidade, compensando o impacto da súa actividade, seguindo o exemplo doutras grandes empresas.
Do mesmo xeito, xa que sempre foi o argumento central para o mantemento da empresa na comarca de Pontevedra, Formoso reclamou que manteñan alo menos os postos de traballo actuais.
No eido medioambiental, tamén esixiu que tanto a empresa como a Xunta se poñan a traballar nun “plan urxente” para unha rexeneración integral da ría de Pontevedra, así como o seu desenvolvemento sostible no futuro.