O líder dos socialistas galegos subliña que a supervivencia das granxas debe estar ligada ao subministro de enerxía dos parques eólicos galegos
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esixiulle á Xunta que “sexa consciente das dificultades” do sector agrogandeiro e “habilite liñas de axuda para a compra de combustible bonificado”. Así o dixo durante unha visita á planta de Coren en Ourense xunto coa secretaria de Medio Ambiente da Executiva do PSdeG, Noela Blanco, e o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino.
Formoso emprazou ao executivo autonómico a seguir a liña marcada polo Estado, que “está adoptando medidas de financiamento” para as granxas e financiando o combustible e concedendo axudas por animal para garantir a súa sostibilidade. Dixo que as empresas, como o caso de Coren, “ante a falla de apoio da Xunta, están intentando pola súa banda solventar o problema dos custes enerxéticos”.
O líder dos socialistas galegos sinalou que estas empresas están a promover o uso das enerxías renovables, sinaladamente o biogás “como están fomentando a UE e o goberno de España, implementando as enerxías renovables en convivencia co sector agroalimentario galego”.
Hibridar intereses
Valentín González Formoso emprazou a hibridar os intereses dos sectores da enerxía renovable e agroalimentario, ligando a supervivencia das granxas á aportación dos parques eólicos e plantas de biogás locais. Esta é a vía, apuntou, “para aforrar custes e baixar a factura da luz destas explotacións tan estratéxicas do noso país”.
Urxiu a tomar medidas para garantir a supervivencia do sector, que “o está a pasar francamente mal, cuns custes de combustibles e forraxes nas granxas galegas que poñen en dúbida a súa viabilidade”.