O líder dos socialistas galegos sinala que a falla de previsión de Sanidade provoca as imaxes de maiores agardando 48 horas nos corredores de urxencias antes de ter habitación
Considera “indignante” que o BNG votara onte no Parlamento en contra dunha proposta para respaldar á UE, á OTAN e á ONU e ás sancións impostas contra Rusia
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esixiulle hoxe á Xunta que tome “medidas urxentes, provisionais e excepcionais” para resolver o “colapso sanitario” dos hospitais galegos. Así o dixo nunha visita ás Festas da Ascensión de Santiago de Compostela, xunto co alcalde da cidade, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, e o delegado do goberno, José Miñones.
O responsable socialista fixo estas declaracións logo de coñecer da situación dos hospitais galegos, con persoas maiores aparcadas nos corredores ata 48 horas despois do seu ingreso en urxencias ata que non poden ter asignada unha habitación.
Mentres, lembrou que en Atención Primaria hai esperas de 14 días pola primeira cita, e en Atención Hospitalaria as esperas por diagnose de enfermidade grave se prolongan ata 6 ou 7 meses.
Responsabilizou á falla de previsión do goberno galego das “fotografías espeluznantes de persoas maiores nos corredores”, e lembrou que a Xunta renunciou a convocar 151 prazas MIR de familia e comunitaria dende 2009. Estes profesionais “poderían ter sido contratados, e as consecuencias se pagan agora” logo de anos de xestión con “medidas contrarias ao interese dos galegos e das galegas”.
Ucraína
Valentín González Formoso lamentou que o BNG votara onte no Parlamento parcialmente en contra dunha proposición non de Lei de condena contra a invasión de Ucraína por parte de Putin. Cualificou de “indignante” que os nacionalistas galegos se descolgaran do acordo para respaldar á posición da UE, da OTAN ou da ONU, así como das sancións aprobadas contra Rusia.
Sinalou que “non vale a ambigüidade neste caso” cando “a cidadanía galega e europea está sensibilizada coa invasión, e os organismos internacionais están denunciando crimes de guerra por parte de Rusia en territorio ucraíno”. A posición do BNG, dixo, súmase ao bloqueo a unha Declaración Institucional no Parlamento contra a invasión, ou ao desmarque nos aplausos á intervención de Zelenski no Congreso por parte de Néstor Rego.