O líder dos socialistas galegos amosa a súa disposición a sentarse co presidente da Xunta para afrontar solucións á crise sanitaria
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, urxiu hoxe á Xunta a que resolva a situación de “colapso sanitario” de Galicia. O responsable socialista dixo en A Coruña que “estamos dispostos a sentarnos co presidente da Xunta para priorizar partidas orzamentarias” en afrontar a crise da sanidade pública galega.
Formoso esixiu “medidas urxentes e inmediatas” para “evitar o que está a pasar nos hospitais, cos servizos de urxencias colapsados”, e alertou de que “en pleno século XXI, no ano 2022, estamos a falar dunha situación máis propia dos anos 60”.
Sinalou que “se hai que facer un quilómetro menos de autovía que se faga” pero, engadiu, unha persoa maior “que está 48 horas nos corredores de Urxencias agardando a que se lle asigne unha habitación” simplemente é “unha situación que hai que resolver”.
Esixiulle á Xunta que “adopte medidas no ámbito hospitalario de forma urxente”, cun sistema “en tela de xuízo á vista de toda a sociedade galega”. Criticou as esperas de 8 meses por un diagnóstico especializado, as listas de espera para cirurxía, ou “non falemos da atención primaria, onde os pacientes teñen que agardar ata 14 días para un primeiro diagnóstico que deberan ter recibido en 48 horas”.