O secretario xeral do PSdeG declarou que os “cartos non poden ser un problema” e que transmitirá esta posición ao goberno de España
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, trasladou o apoio do seu partido aos familiares do Vila de Pitanxo para que “se baixe” ao pecio e se coñezan as causas do accidente para o que “os cartos non poden ser un problema”, posición que lle transmitirá ao goberno de España.
Valentín González Formoso, líder dos socialistas galegos, reuniuse cos familiares das vítimas do Vila de Pitanxo, xunto coa presidenta da Deputación Carmela Silva e co presidente da FEGAMP, Alberto Varela, así como coa portavoz dos familiares, María José del Pazo, á que agradeceu a súa labor que ten a dobre dificultade de loitar contra a perda familiar e contra “as portas pechadas” nalgunhas instancias.
Para Formoso, reunirse coas familias, ás que trasladou o seu apoio, “é difícil, pero necesario” e o “máis importante” por riba de tratar calquera outra temática política que estea no debate público, xa que se está a falar da “perda de algo que levas na alma e que por riba estás a miles de quilómetros”.
Ante a dura situación que enfrontan os familiares, Formoso pediu se trate o asunto co “máximo respecto” e que se lles transmita “a mensaxe de esperanza que merecen”, polo que resaltou o seu respaldo para que se esclarezan as causas do accidente entendendo que neste caso os “cartos non poden ser un problema”.
O secretario xeral do PSdeG destacou a importancia de coñecer o que ocorreu realmente para evitar que lles poida ocorrer o mesmo aos mariñeiros e mariñeiras dos 30.000 barcos de pesca galegos, así como que o sector pesqueiro comprenda que “cando hai unha desgraza, teñen un país con eles”.
Formoso trasladou o apoio do seu partido aos familiares aos que lles emprazou “a perseverar, a loitar” conxuntamente para que “se baixe e se saiba a verdade”. Pola súa parte, declarou que lles trasladarán ao goberno de España a necesidade de que se faga unha investigación para coñecer o sucedido, aínda que non se poidan recuperar os corpos, como recoñecen os propios familiares.
Na actual incerteza pola falta de respostas das institucións, o número un dos socialistas subliñou a importancia de “estar ao carón” das vítimas e de todo un sector pesqueiro que ten que “esixir” que a política de respostas e apoie á cidadanía.
Reivindicou a importancia de que a clase política mostre que “tamén ten corazón” e que se pon no “lugar das vítimas”, “non debe ser unha cuestión de quedar ben”, xa que a importancia da cuestión merece todo o compromiso pola súa parte.