O secretario xeral do PSdeG mantén un encontro co patrón maior da Confraría de Pescadores de Noia e anuncia a adhesión do partido á plataforma en defensa da ría
Os socialistas tamén poñen os seus medios a disposición do pósito noiés para que poidan exercer a defensa xurídica que necesiten
14 de abril de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mantivo unha reunión cos representantes da Confraría de Pescadores de Noia para trasladarlle o apoio do partido fronte a loita que está librando contra a ameaza que supoñen as verteduras da explotación mineira de San Finx.
Acompañado polo candidato socialista á alcaldía de Noia, Fran Pérez, e pola deputada provincial, Sandra González, o número un dos socialistas galegos mantivo unha reunión co patrón maior do pósito noiés, Santiago Cruz, e co seu secretario, Adelo Freire Gandarela, aos que lles avanzou a adhesión do PSdeG á plataforma en defensa da ría de Noia impulsada dende a confraría.
No encontro analizaron o malestar xerado pola autorización inicial concedida pola Xunta á mina de San Finx para realizar novos vertidos, algo que os produtores consideran que pode rematar co futuro marisqueiro da ría e poñer en perigo unha actividade da que viven miles de familias.
Formoso salientou que o marisqueo é un “sector estratéxico para Galicia”, e dende o PSdeG defenderán a súa pervivencia. De feito, o líder dos socialistas galegos puxo a disposición da Confraría de Pescadores todos os medios do partido para que poidan exercer, se fora necesario, a defensa xurídica ante a ameaza das verteduras que poñen en perigo a súa actividade.
O líder do PSdeG cre que esta situación precisa dun traballo “máis polo miúdo e máis solvente” por parte da Xunta para atallar esa contaminación e que non actúen no sentido contrario poñendo en funcionamento a mina co que agravarían a situación.
Pola súa banda, Adelo Freire Gandarela, amosou certa satisfacción despois da reunión na que lle trasladou, tanto a Formoso como ao candidato do PSdeG á alcaldía de Noia, Fran Pérez, as inquedanzas do seu sector. Como xa indicou Formoso, a súa principal preocupación ven da autorización da Xunta de explotación da mina de San Finx pola súa proximidade cos lugares de marisqueo da ría.
Freire Gandarela afirma que esta mina “pon en perigo a nosa propia existencia como colectivo marisqueiro”, unhas 2.000 persoas de postos directos “que vivimos do mar e non sabemos facer outra cousa”, alegou. Do mesmo xeito, agardan que “impere a cordura” e non saia adiante.
Agradeceu directamente ao PSdeG o seu apoio á súa loita e adhesión á súa plataforma, contribuíndo nunha “loita na que se nos vai o pulso” e na que só buscan garantir a súa forma de vida.