O secretario xeral do PSdeG visitou a planta de Xilonor en Coirós, e destacou o seu proceso innovador para xerar de maneira sustentable madeira laminada para a construción
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, visitou hoxe a planta de produción de Xilonor, no municipio coruñés de Coirós, onde sinalou “a necesidade de Galicia de apostar polo sector forestal”. Incidiu na importancia que teñen proxectos como este para impulsar a actividade económica no rural galego, evitar o despoboamento e a propagación dos incendios forestais.
Formoso referiuse ao sector forestal como “unha aposta de país”, remarcando a posición estratéxica do mesmo. A aposta na que incidiu o líder dos socialistas galegos leva consigo un coidado e ordenación dos montes que se traduce en “menos incendios” e na “posta en valor do rural”, así como na creación e transferencia de tecnoloxía e coñecemento.
Trátase, en definitiva, dunha iniciativa industrial innovadora que aporta valor á produción forestal. Faino, ademais, de maneira sostible, contribuíndo a mellorar a calidade de vida no ámbito rural e propiciando que Galicia desempeñe un papel protagonista neste sector.
A planta de Xilonor está especializada na produción de madeira laminada para a construción. Esta faise con atención á sustentabilidade medioambiental, sendo ao mesmo tempo un exemplo de innovación para o sector en Galicia. Por iso, Formoso reiterou a importancia destes investimentos estratéxicos para o país, situando a factoría coma un exemplo a seguir por novas iniciativas.