O secretario xeral do PSdeG destaca que a Convención do PSOE na Coruña é “un antes e un despois na precampaña en Galicia” e onde comprobamos que Besteiro é o candidato que “fala do que lle importa aos galegos e ás galegas”
Valora como “un éxito” a manifestación do domingo en Santiago que foi “un grito contra a manipulación e a mentira do PP” na xestión da crise dos pélets
O PSdeG presenta o seu vídeo de precampaña galega “cunha parte cómica” que encaixa moi ben “co sentido do humor dos galegos e do propio Besteiro”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, apuntou este luns á necesidade de ter “un presidente como Besteiro” para afrontar os próximos catro anos que son “os máis importantes para o futuro económico de Galicia ante o reparto de 60.000 millóns de euros a fondo perdido entre as comunidades autónomas, como oportunidade para transformar e economía e reindustrializar o país.
Formoso valorou o resultado dun intenso fin de semana coa celebración da Convención Impulso de País do PSOE e dos Socialistas Europeos celebrada na Coruña, así como a manifestación contra a xestión da Xunta da crise dos pélets que tivo lugar este domingo en Santiago apoiada polos socialistas e na que participou o propio Formoso, Besteiro e os principais candidatos polas catro provincias de cara ao 18F.
O secretario xeral dos socialistas galegos explicou que a celebración desta Convención, con máis de 1.600 delegados de toda España, serviu para rearmar ideoloxicamente ao partido e configurar as liñas a seguir polo goberno e polo PSOE nos vindeiros anos. Do mesmo xeito, remarcou que serviu para “dar un impulso ao país” e que marcou “un antes e un despois na precampaña” das eleccións galegas.
Asimesmo destacou que na Convención “quedou demostrado que o noso candidato é o único que fala do que realmente lle importa aos galegos, como son o emprego e a protección social”. Aplaudiu tamén a referencia de Besteiro á revolución industrial que necesita Galicia “porque é un obxectivo que temos os socialistas”, apuntou.
UN GRITO CONTRA A MANIPULACIÓN DO PP
Respecto a manifestación celebrada este domingo e que reuniu a milleiros de persoas nas rúas de Compostela en defensa do Mar e contra a xestión do PP da crise dos pélets, Formoso remarcou o éxito deste “grito dos galegos e galegas contra a manipulación e a mentira do PP”.
O secretario xeral do PSdeG sinalou que a mobilización indica que “o pobo galego non admite como fórmula de xestión dun país o emprego da manipulación e da mentira”, a fórmula que emprega o PP “cando hai unha eleccións por diante”. Así mesmo, remarcou que “o pobo galego non entra polo aro e detectamos unha caída diaria da intención de voto do PP”. “A cidadanía poder permitir erros de xestión, pero nunca a manipulación e a mentira”, sentenciou.
Formoso expuxo que era “o compromiso do partido axudar a convocar a manifestación e apoiar ás plataformas que a convocaron porque para nós era vital lanzar unha sinal de solidariedade con todo o mundo do mar, estamos falando de milleiros de familias que dependen de que as costas de Galicia estean libres de contaminación”.
VÍDEO “DESTA VAI” DO PSdeG
Na rolda de prensa, o secretario xeral do PSdeG, acompañado dos número 1 e 2 da Coruña, Ourense e Pontevedra, así como as número 2 e 3 de Lugo, presentou o vídeo da precampaña dos socialistas galegos, baixo o lema “Desta Vai”. Formoso remarcou que “cunha parte cómica” que encaixa moi ben “co sentido do humor dos galegos e do propio Besteiro”.