O líder dos socialistas galegos ofrece “man tendida” ao novo goberno galego pero require “ansias de cambio” para afrontar o reto da maior crise socioeconómica dos últimos 30 anos
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle hoxe ao goberno presidido por Alfonso Rueda “que colla con impulso e ansias de cambio de ritmo” na xestión que necesita Galicia para afrontar a maior crise dos últimos 30 anos. Dixo que “non é fácil que este impulso se vaia dar cambiando tan poucas caras” con relación ao anterior gabinete.
O líder dos socialistas galego fixo restas declaracións en Ponteceso, antes do acto de entrega dos premios Bos e Xenerosos que concede a Fundación Eduardo Pondal, onde adiantou que “en calquera caso o PSdeG dará unha marxe de confianza, tenderá a man, porque por riba dos intereses partidistas están os intereses do noso país”.
Valentín González Formoso advertiu que Galicia “necesita claramente dun impulso baseado no talento, no coñecemento, para que sexa capaz de afrontar os retos que a sociedade galega ten por diante”.
Fixou tres ámbitos nos que o goberno galego ten que actuar con urxencia, como son o cambio de modelo económico, o reforzo da Atención Primaria e a atención aos maiores dende o sector público. Estes son os eidos nos que o goberno galego deberá afrontar “os maiores retos” co apoio dos socialistas galegos, “conscientes que nos enfrontamos a un reto de país nun momento socioeconómico moi complexo”.
En primeiro lugar, explicou que o goberno galego en primeiro lugar “ten por diante afrontar o apoio claro e contundente aos sectores estratéxicos de Galicia”, como son a pesca, a gandería, o transporte e a industria. Reivindicou un “cambio de modelo con contundencia, con convicción, baseado no coñecemento, a investigación ou o I+D, dando soporte aos sectores produtivos galegos”.
Reclamou tamén que o Executivo “aposte polo reforzo inmediato da Atención Primaria, onde a sociedade galega quere ver reflexado o mellor sistema sanitario do mundo”. Finalmente, reclamou a titorización pública do sistema de protección social dos maiores, que teñen sido “o ámbito no que se ten evidenciado a maior desprotección social” como consecuencia da pandemia.