O líder dos socialistas galegos convoca á Executiva do PSdeG para activar as áreas estratéxicas diante da falla de resposta do goberno do PP
O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, presentou hoxe ao PSdeG como alternativa fiable fronte a unha “Xunta ausente”. Logo da Executiva do partido, convocada hoxe en Santiago, constatou que a Xunta “esta fin de semana volve deixar a Galicia sen goberno, ao igual que nos últimos días, con ningún conselleiro de garda”.
O líder dos socialistas galegos explicou que “diante da situación extraordinaria que está a sufrir o país convocamos á Executiva do PSdeG”, que se presenta como un “partido que quere liderar Galicia, que se ofrece co humildade para gobernar o país”. Este partido “está activando o seu decálogo de medidas”, explicou, diante da falla de resposta do goberno galego “no peor momento dos últimos 30 anos”.
Explicou que “estamos activando as áreas estratéxicas para ofertarlle a Galicia un proxecto que con contundencia poida liderar a resposta ás necesidades da sociedade galega a curto prazo”. Sinalou que “se o PP non está disposto a gobernar Galicia, hai un partido que o sabe facer, con fonda tradición de gobernar as institucións, que non vén esnaquizar nada, que non ven facer prácticas de goberno”.
Formoso presentou como aval o goberno ao 62 por cento da poboación galega, e que “non necesita inventarse o lema de que o faremos ben”, en alusión ao eslogan do PP. Sinalou que “calquera veciño que percorra Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol ou Lugo sabe perfectamente quen é o PSdeG, que é sempre unha alternativa fiable, a que busca finalmente a sociedade galega”.
Alternativa construtiva
Resumiu que “hoxe o PSdeG quere amosar a faciana máis construtiva, máis comprometida co seu país e co seu proxecto que se chama Galicia”. Sinaladamente no momento en que os galegos e galegas padecen o impacto da inflación derivada da saída da pandemia e da guerra de Ucraína, cando “Galicia precisa dun goberno efectivo, comprometido e que funcione, que o seu único obxectivo sexa o país”.
Os galegos e galegas, engadiu, “non está a percibir iso da Xunta”, que deixa unha Galicia onde “non hai quen goberne”, porque levan “semanas máis preocupados de obter representación no PP”.
Lembrou que o mesmo Feijóo que hai ano e medio se presentara ás eleccións autonómicas “anunciando Galicia, Galicia, Galicia”, demostra que “a súa resposta de verdade é Madrid, Madrid, Madrid”, un “escenario que os galegos e galegas non contemplaron cando votaron”.