O secretario xeral do PSdeG sinala que o arquivo da última causa pendente contra Besteiro evidencia que “non todo vale para destrozar politicamente a unha persoa”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apuntou hoxe que José Ramón Gómez Besteiro “estará onde queira estar, porque é un activo político imprescindible para o PSdeG”. Así o dixo logo do arquivo da última causa contra o que fora secretario xeral do PSdeG, logo de 7 anos de que fora aberta.
O responsable socialista subliñou que o remate desta causa ofrece a “lectura social” de que “non todo vale para destrozar politicamente a unha persoa”, sinaladamente no caso de Besteiro, que constitúe un “activo político de excelencia”. Hai 7 anos, dixo, viu “truncada a súa vida persoal e política” a raín dunha instrución do caso “absolutamente inxusta”, amosando unha “persecución persoal clara”.
Así o demostra o arquivo sucesivo das causas xudiciais abertas contra “unha persoa que ten unha capacidade enorme de aportar ao seu país”, e que conclúe con “moito tempo de retraso, logo de terlle feito pasar un calvario”. Algo semellante, lembrou, á situación de socialistas como o ex alcalde de Ourense e de novo candidato, Francisco Rodríguez, ou o ex alcalde de Lugo, Xosé López Orozco.
Valentín González Formoso admitiu que o de onte foi “un dos días máis bonitos dos últimos 7 anos da nosa vida” como “amigo persoal” de Besteiro, ao coñecer o arquivo da causa, un momento que describiu como “emocionante” logo de “algo que nunca debera ter ocorrido”.