O líder do PSdeG bromea con que o aspirante “logrou o que lle gustaría a Abel Caballero”, que é “plasmar no apelido o nome do seu concello”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, respaldou hoxe a Luis Arosa na presentación da candidatura á alcaldía da Illa de Arousa para facer do concello unha referencia en Europa co seu modelo sustentable a nivel económico, urbanístico e ambiental de referencia enm Europa.
O responsable socialista presentou ao aspirante, licenciado en Ciencias Políticas de 32 anos e ata o momento concelleiro na Illa, como integrante dun equipo que puxo en marcha un “modelo de referencia en toda a costa galega”, que foi capaz de “non sucumbir a algúns dos bums urbanísticos máis daniños para a costa galega”.
Bromeou coa coincidencia do apelido do candidato, que “logrou o que lle gustaría a Abel Caballero”, que é o “luxo” de “plasmar no apelido o nome do seu concello”. Arosa toma o relevo agora de alcaldes socialistas como Manel Vázquez e Carlos Iglesias, capaces de “darlle todo á vila” e cando chega o momento “non aferrarse ao posto” e “darlle paso a un rapaz con ilusión”.
“Sodes unha piña”, sinalou antes de ratificar que “tedes o apoio dun partido enorme, o máis antigo de España”, que goberna no Estado, en 3 das 4 deputacións, todas as grandes vilas e 110 concellos de Galicia, e que conta con máis dun milleiro de concelleiros e concelleiras nesta Comunidade Autónoma.
Caciquismo
O líder dos socialistas galegos sinalou o apoio da Deputación de Pontevedra a concellos como o de Arousa independentemente da cor política, fronte a unha Xunta que “só inviste en concellos que deciden votar PP”.
Defendeu un modelo de xestión centrada na “liberdade e a solidariedade” de forma xusta fronte a un modelo do PP que “pode pasar en Sudamérica, pero non no corazón de Europa, nun país onde o caciquismo debera estar erradicado”.
Sinalou que “o mesmo dereito ao saneamento teñen en Arousa que en Vilalba, ou o mesmo dereito teñen a ter un polígono industrial en Tui que nas Pontes”. Ratificou a obriga das administracións de “mirar polas necesidades da cidadanía e cubrilas de maneira obxectiva”, seguindo o exemplo da Deputación de Pontevedra e as institucións dirixidas polos socialistas galegos.