O secretario xeral do PSdeG celebra o anunciou feito por Pedro Sánchez para destinar ao alugueiro social 50.000 vivendas da SAREB e pídelle á Xunta que colabore coa iniciativa
Salienta que o presidente do goberno participará na precampaña das municipais dos socialistas galegos
17 de abril de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, destacou hoxe que o goberno de España destinará máis vivenda para alugueiro social en Galicia neste 2023 que os gobernos de Feijóo e de Rueda nos últimos quince anos.
Acompañado polos vicevoceiros do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo e Julio Torrado, Formoso ofreceu unha rolda de prensa este luns no Parlamento centrada na política de vivenda a colación do anuncio que fixo o presidente Pedro Sánchez de que 50.000 pisos da SAREB serán destinadas a alugueiro social, algo que terá un impacto “moi positivo” en Galicia, xa que este organismo ten 2.700 inmobles na comunidade autónoma.
Sumou esta política a outras do goberno central, como o bono alugueiro mozo ou as axudas á rehabilitación de vivendas no rural, medidas que “demostran a aposta dos socialistas por garantir un dereito constitucional e manter un dos piares do Estado do Benestar”, alegou.
En cambio, cre que o PP deixa este dereito “en mans privadas e dos especuladores”, cuxas consecuencias advertiu que xa as observamos na crise do 2008. Céntrase na Xunta, xa que ten as competencias na promoción de vivenda, pero observa unha “total inacción”. Por iso, reclama que aproveiten esta oportunidade para instaurar unha nova dinámica na política autonómica de vivenda.
Ofreceu o dato que considera “dramático”, o da “baixísima execución” do orzamento autonómico de acceso á vivenda que foi dun 8,8% no 2022, sendo só 4,6 millóns de euros dos 52 millóns que estaban programados nas contas galegas para este fin. O líder dos socialistas galegos sinalou directamente á conselleira de Vivenda, María Jesús Lorenzana, por unha actuación “incompetente” que cre que debería ter consecuencias. Polo que pediu a Rueda que se poña “á fronte” e colaboren coa iniciativa do executivo central.
Formoso tamén recordou que “detrás de cada euro que deixan de investir, hai un drama persoal e familiar que están en serias dificultades para cadrar as súas contas” e ten que facer fronte a un alto custo do alugueiro, así como de moita xente moza que non pode emanciparse. Unha actuación da Xunta que Formoso cre que agrava a crise demográfica que sofre Galicia.
Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG anunciou tamén que o presidente do goberno, Pedro Sánchez, participará na precampaña de municipais dos socialistas galegos. Destacou isto a pesar de que noutras comunidades hai dúas convocatorias electorais, sumándose aos comicios locais os de ámbito autonómico