O líder socialista sinala que “no PSdeG temos claro que apostaremos por aquelas firmas eólicas que aposten por este país” pero puntualiza que “non podemos favorecer á especulación”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, defendeu hoxe unha política de desenvolvemento da enerxía eólica “que permita deixar valor no territorio”. Así o dixo na visita á factoría GRI Renewable Industries en O Carballiño, que puxo como “expoñente do potencial industrial” da localidade ourensá.
Sinalou que a firma de compoñentes eólicos é “indicativo da importancia do sector cando aposta por aportar valor no territorio no que se implanta”, e que garante emprego para “centos de familias da contorna”. Puntualizou que “non podemos favorecer á especulación” coa eólica, e “tampouco renunciar ao único compoñente enerxético relevante que ten Galicia e que nos pode facer autosuficientes enerxeticamente”.
O líder dos socialistas galegos engadiu que “non basta co implantar parques eólicos, senón que hai que apostar por unha política que permita deixar valor no territorio, tanto con respecto aos propietarios dos terreos nos que se implantan os parques, como nas rendas que se obteñan e, sobre todo, pola carga laboral derivada da implantación destes parques eólicos”.
Explicou que “queda moito camiño por percorrer” no desenvolvemento do sector en Galicia, e puntualizou que “no PSdeG temos claro que apostaremos por aquelas firmas que aposten tamén por este país”.
Así o dixo nesta visita á empresa de O Carballiño acompañado do alcalde da localidade, Francisco Fumega, e da alcaldesa de Vimianzo e secretaria de Emprendemento e Dinamización Económica da Executiva do PSdeG, Mónica García.