O secretario xeral do PSdeG destaca “o valor das políticas públicas” para encarar calquera desafío
Remarca “vocación de diálogo e as conviccións democráticas e europeístas” dos socialistas e chama a “desterrar os comportamentos extremistas” que ameazan a convivencia
O líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, hoxe ao PSdeG como “alternativa aberta e inclusiva”, cun proxecto centrado na igualdade e na defensa da sanidade, a industria que crea emprego e a innovación. Así o dixo nunha intervención de Fin de Ano que foi publicada hoxe nas redes sociais dos socialistas galegos.
O líder dos socialistas galegos defendeu un proxecto socialista “polo que poidamos transitar unidos, coidando uns dos outros”. Na súa intervención puxo o acento na “igualdade e a defensa do sistema sanitario”, ademais da aposta polo desenvolvemento industrial e o emprego de calidade, así como no “investimento en innovación, para que Galicia teña futuro e poida reter á poboación máis moza”.
Valentín González Formoso salientou o “valor do público” e á necesidade de ofrecer unha resposta “colectiva e solidaria” ao reto da pandemia primeiro e agora das consecuencias da invasión de Ucraína por parte de Rusia. Se a pandemia puxo de relevo a importancia da vacinación e da sanidade pública, dixo, “hoxe precisamos duns poderes públicos que teñan empatía”.
Emprazou a “arrimar o ombreiro e desterrar comportamentos extremistas que ameazan o noso modelo de convivencia” para primar a axuda “ás persoas, aos colectivos e aos sectores económicos que están a pasar dificultades”. Amosou a confianza “na palabra, a vocación de diálogo e as nosas profundas conviccións democráticas e europeístas para defendernos dos que queren sacudir o noso sistema”.
Formoso animou a “recibir o ano 2023 con confianza, con ilusión renovada” e coa fortaleza “de todos e de todas, a unidade e a empatía coas persoas, especialmente con quen máis o necesita, porque iso é o que fai forte a Galicia e o que nos fai fortes como país”.