O secretario xeral do PSdeG remarca que veñen para “tomar as decisións que necesita o país”, en especial, para frear a fuga de talento
O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, reivindicou este luns a fotografía da “ilusión” en torno ao candidato Besteiro, de quen afirmou que conta co “respaldo” e a “fortaleza” de todo o Partido Socialista.
Despois dunha visita ao concello de Rianxo en calidade de presidente da Deputación da Coruña, Formoso foi preguntado ao respecto do acto institucional que celebrou o PSdeG este sábado no que a vicepresidenta do goberno de España, Nadia Calviño, e, entre outros, polos rexedores de A Coruña, Inés Rey, de Vigo, Abel Caballero e Lugo, Lara Méndez, así como o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e el mesmo, deron o seu respaldo a Besteiro na súa presentación pública como candidato á presidencia da Xunta.
Valentín Formoso destacou que nesta xornada os socialistas mostraron “toda a ilusión que nos supón ofrecerlle a Galicia o mellor dos nosos candidatos e o mellor dos nosos programas”. Puxo en valor que as 110 alcaldías, as dúas Deputacións e o goberno de España que están cun socialista á fronte significan “unha forza de interlocución coa sociedade diaria que lle vai aa dar ao candidato e ao PSdeG unha fortaleza enorme en canto á consistencia das súas propostas”.
“Non vimos a reinventar nada, pero si vimos a revolucionar Galicia respectando as súas tradicións e tomando as decisións que este país necesita”, apuntou o tamén alcalde das Pontes.
En concreto, puxo o foco “no mundo agrario, no da pesca e no da industria”, pero sobre todo “no mundo do coñecemento, da tecnoloxía, da ciencia”. Formoso considera que en Galicia “parece que non existe” e que “estamos asumindo como un éxito que emigren a outros países os nosos rapaces e rapazas recén formados, cun esforzo social e familiar enorme, e non queden a render eses froitos no territorio que os quixo formar”.
O secretario xeral do PSdeG entende que “este fracaso nós non podemos asumilo” e anunciou que o seu programa “vai vehicular sobre a ilusión de quen non renuncia a reter eo talento galego no noso país”.
“Estamos ilusionados de que vai haber cambio en Galicia,un cambio tranquilo, un cambio responsable, pero un cambio que pare xa esta desmoralización que hai en todos os sectores cos que un contacta ao longo e ancho do país”, engadiu Formoso.
Para el “a fotografía do outro día amosaba esa afouteza do respaldo absoluto do partido a nivel galego e, por suposto, a nivel federal, tanto do goberno como dun partido que ten 144 anos de historia” e considera que iso dálle un carácter especial a un candidato nun país como é Galicia con identidade propia, con carácter propio, con devir propio e que busca o seu lugar tamén a nivel europeo.