O secretario xeral do PSdeG resalta que a Sareb ten en Galicia 2.700 inmobles, dos cales 1.830 xa están habilitados para o seu uso
18 de abril de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, recordou hoxe á Xunta que dispón de todas as competencias precisas, así como de “todos os instrumentos legais” para actuar e facilitar o acceso á vivenda de quen máis o precisa en Galicia.
No transcurso dun acto que tivo lugar en Santiago, o tamén presidente da Deputación da Coruña referiuse á iniciativa do goberno de España de habilitar 50.000 vivendas da Sareb para alugueiro social e das valoracións ao respecto realizadas dende a Xunta. A preguntas dos xornalistas, acusou ao executivo galego do PP de dedicarse a “embarrar o campo de xogo” en vez de “recoñecer que está renunciando a facer política de vivenda no noso país”, tal e como se pode comprobar cos datos de execución orzamentaria.
Formoso tamén afeou que os populares se afanen en “embarrar” cando derivan as responsabilidades cara os concellos ao acusalos de non poñer solo á disposición da Xunta para construír vivenda. E sobre isto, lembrou que a Administración autonómica ten “todos os instrumentos legais” á súa disposición para facer vivendas sociais, incluso a capacidade de expropiar terreos para facer promocións de protección oficial.
Outro aspecto no que puxo o foco o líder do PSdeG é sobre os máis de 15.000 demandantes de vivenda de protección en Galicia que non obteñen solucións por parte do seu goberno, amosando a súa especial preocupación polo sector máis mozo da poboación. Só en Vigo hai 6.279 demandantes, aos que se suman 1.884 na Coruña ou 1.303 en Lugo.
A proposta do goberno de España de actuar sobre 50.000 vivendas da Sareb pode ter reflexo en Galicia, pois a corporación dispón de 2.700 inmobles na comunidade, dos cales 1.830 xa están habilitados para o seu uso.
“EN CONTRA DO SENTIDO COMÚN”
Por este dato de vivendas baleiras da Sareb, sumadas ás preto de 330.000 que hai en toda Galicia, considera que as declaracións feitas por Feijóo poñendo a construción de novas residencias como solución “van contra o sentido común”. Formoso encontra a decisión “máis sostible, lóxica e inmediata” centrar o foco na utilización ou rehabilitación dos inmobles xa existentes.
Aínda así, o líder dos socialistas galegos salientou que entre as 50.000 vivendas das Sareb que o goberno de Pedro Sánchez porá a disposición de comunidades e concellos tamén se inclúe unha pequena parte de novas vivendas, ata 15.000, que se poderán construír en solo dispoñible da sociedade que absorbeu os activos inmobiliarios da banca.
Ademais, Formoso recordou que cando o agora líder do PP era presidente da Xunta, bateu o récord negativo de construción de vivenda pública en Galicia, baixando a media de 2.700 ao ano entre o 200 e o 2010, á de 300 anuais durante o seu mandato.