O líder dos socialistas galegos anuncia unha oposición “traballando, intentando aportar, liderar e esixindo compromiso co país”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle a Alfonso Rueda que conforme un goberno “á altura das circunstancias e á altura do país”. Formoso asistiu á toma de posesión do novo presidente da Xunta, hoxe no Parlamento, onde sinalou que o PSdeG afrontará a tarefa de oposición “traballando, intentando aportar, liderar e esixindo compromiso co país”.
O líder dos socialistas galegos esixiulle a Rueda “que sexa consciente dos retos e conforme un goberno baseado no talento de Galicia, no compromiso de país e na capacidade”. Reclamou un goberno “relevante e identificado con Galicia”, que permita afrontar o “cambio de modelo económico”.
Engadiu que “vai ter ao PSdeG ao seu carón se apostar por un modelo baseado na investigación, no talento e no coñecemento”, que afronte o reto de “reter á xuventude galega”, tamén aos mozos e mozas investigadores “para que lle dean soporte ao tecido produtivo, aos tecidos tradicionais da economía galega”.
Sinalou ademais o obxectivo de “recuperar a Atención Primaria de Galicia” e de “outorgarlle aos galegos e ás galegas un dereito que agora mesmo está en tela de xuízo” logo de 13 anos de recortes polo goberno do PP.
Valentín González Formoso reclamou que os pacientes galegos poidan dispor dun diagnóstico previo nos eu centro de Atención Primaria nun prazo de 48 horas, e unha atención “non a través dunha liña telefónica como agora, senón presencial co médico ou médica”.
Apuntou á urxencia de “incrementar a protección social dos maiores galegos e galegas”, garantindo “a presenza pública no ámbito do sector da sociedade máis feble e que máis estivo a sufrir a pandemia”.
Fondos UE
O responsable socialista explicou que o futuro goberno galego terá por diante “grandes retos nun entorno europeo difícil e un contexto socioeconómico que se atisba complexo”. Instou a empregar axeitadamente “instrumentos que temos diante, como so fondos europeos de recuperación e resiliencia”, que ofrecen unha oportunidade clara de apoiar, soportar, levantar e intensificar a presenza dos tecidos profesionais”.