O secretario xeral do PSdeG destaca o proxecto da alcaldesa Uxía Oviedo, que “representa esa forza que está a pelexar para sacar potencial no rural”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, reclamou este xoves á Xunta que actúe e se implique na recuperación e posta en valor do Castelo de Maceda para que sirva como dinamizador da actividade turística no concello.
O líder dos socialistas galegos acudiu á vila ourensá de Maceda, para coñecer de primeira man as demandas do goberno local, encabezado pola socialista Uxía Oviedo, de tan só 23 anos. Para Formoso, a rexente local “representa esa forza que está a pelexar para sacar potencial no rural” cos seus proxectos que se basean no mantemento dos servizos públicos, a economía e o emprego.
Queren que este último veña da man da exploración de novas oportunidades, como o turismo rural. Por elo, demandan á Xunta, administración competente, que se poña a traballar para recuperar o Castelo de Maceda e sirva como dinamizador económico do municipio e da comarca.
Para Formoso, as iniciativas de Uxía Oviedo se trasladan en que este municipio sexa un dos poucos que creceu moderadamente en poboación “nunha provincia que está a morrer demográfica e economicamente”. Sinalou que “aterrar en Maceda é aterrar na esperanza” e que é a obriga do Partido Socialista loitar como fai o equipo da alcaldesa para “darlle a volta a esta situación tan desmoralizante”.
Apuntou que iniciativas como a do Castelo de Maceda son “unha palanca que pode alimentar parte da poboación, atraer turismo e convertelo en fixación de poboación”. Esta dinamización forma parte do “proxecto alternativo que está a impulsar Uxía e no que o PSdeG e o goberno de España a vai a estar apoiando en cada paso que dea para cumprir os obxectivos que estamos convencidos que o conseguirá”, concluíu.
A alcaldesa local deu un paseo pola vila ao secretario xeral do PSdeG, onde lle mostrou os principais puntos de interese, así como lle trasladou as reclamacións da veciñanza. Estiveron acompañados do secretario provincial e senador, Rafael Rodríguez Villarino, da deputada no Congreso, Marga Martín, da deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Dacosta, e da secretaria local de Ourense, Natalia González Benéitez, así como do resto de membros do goberno e varios militantes da agrupación local.
Pola súa banda, a alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo, aproveitou a visita para lanzar unha petición de axuda que permita s posta en valor do rico patrimonio histórico e cultural do municipio, comezando polo Castelo, declarado Ben de Interese Cultural dende 1994 ou o peculiar Museo do Médico.
“O Castelo de Maceda é un edificio municipal, pero necesitamos respaldo doutras administracións, que nos axuden a poñelo o mellor posible para poder explotalo dende o punto de vista turístico”, sinalou a rexedora, que tamén demandou o apoio da Xunta para dotar de adoquíns a travesía autonómica que atravesa a vila.