O secretario xeral do PSdeG denuncia que “perdemos máis de 20 días para analizar o material pola inacción da Xunta” e esixe que poñan todos os medios para a limpeza e recollida
A Coruña, 8 de xaneiro de 2024. O secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso, reclamou este luns a Alfonso Rueda que “deixe de mentir e ocultar o que está a pasar” coa marea de pellets nas costas galegas.
Formoso recriminou esta mañá dende A Coruña a actuación da Xunta con respecto aos pellets que están chegando ás praias galegas e están sendo recollidas principalmente por voluntarios e os concellos afectados. “Galicia é un país moi sensible ante os accidentes costeiros e comprobamos outra vez que a Xunta está a mentir nun accidente ambiental”, asegurou o socialista.
O tamén presidente da Deputación da Coruña entende que o goberno de Rueda está tratando de enganar á poboación “ao asegurar que ata o 5 de xaneiro non recibiu comunicación de que chegaran os pellets a Galicia, cando temos constancia de que ata en catro ocasións, organismos dependentes da Xunta de Galicia como os gardacostas, Protección Civil, o 112 ou conservación da natureza coa chegada dos mesmos ao parque de Corrubedo tiñan xa confirmación” dende o 13 de decembro, apuntou.
“Estamos vendo como son os concellos os que teñen que afrontar en soidade absoluta esta situación que xera moita inquedanza na sociedade galega”, sinalou Formoso. Así mesmo, requiriu á Xunta que “deixe de mentir, deixe de ocultar o que está a pasar. Perdemos 20 días para caracterizar que leva consigo esta chegada de pellets á costa galega, para saber se é un material inerte ambientalmente ou perigoso”, lamentou.
Formoso entende que “hai que facer labores xunto cos concellos de dotalos de medios para a retirada dos pellets”. Por elo reclamou á Xunta de Galicia “transparencia, que diga a verdade ao pobo galego canto antes, que faga o seu traballo” e condenou o “desleixo” ante esta situación. Así mesmo, apuntou a necesidade de que o goberno galego active o nivel 2 do CAMGAL para permitir ao Estado dotar de medios á Xunta de Galicia se fora necesario.