O secretario xeral do PSdeG salienta que en Galicia hai persoas que a pesar de traballar están en risco de exclusión social
Subliña que a maioría das persoas en esta situación son mulleres que “teñen que sacar soas adiante unha familia con baixos ingresos”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamou que se reincorpore nos orzamentos da Xunta do 2023 a tarxeta básica para as familias máis pobres, ao mesmo tempo que denunciou o “abandono” aos concellos por parte do goberno galego ao non asignarlles “un só euro” para dependencia.
O número un dos socialistas galegos visitou hoxe a sede da Rede Galega de Loita Contra a Pobreza, onde criticou que o goberno galego certifique a supresión da tarxeta básica que permitía comprar produtos de primeira necesidade ás familias máis pobres de Galicia, e a súa recuperación leva sendo demandada polos socialistas durante os últimos meses.
Cualificou como “inconcibible” a súa eliminación no actual contexto de elevada inflación denunciando que é dunha “insensibilidade impropia dun país como o noso no século XXI” deixar sen esta axuda ás familias galegas máis vulnerables.
Respecto á dependencia, o líder do PSdeG subliñou que a Xunta non destine “un só euro para axudar aos concellos”, xa que estes “teñen que facer fronte a unha suba de entre o 40 e o 50%” do custo de prestar este servizo, e o propio goberno do Estado aumentou a partido relativa a este ámbito que destinará ás comunidade autónomas, polo que non poden argumentar falta de cartos.
Do mesmo xeito, reclamou que se destinen os medios necesarios para axilizar os trámites de concesión das axudas por dependencia, xa que denuncia como “in¡tolerable que haxa persoas que morren sen que se lles conceda a pensión, cando cumprían todos os requisitos”.
Valentín González Formoso subliñou que “non lle podemos pedir a mesma sensibilidade a un goberno liberal ou conservador que a un socialista”, pero alertou á cidadanía de que “cando un se queixa de que non avalíen a un dependente, de que non chega o persoal para atender aos seus maiores en casa, de que non hai servizo de teleasistencia porque a Xunta os denega ou de que se suprime a tarxeta básica, que reflexione sobre que opción política lle convén”.
25% DOS GALEGOS EN RISCO DE POBREZA
Con motivo da visita á Rede Galega de Loita Contra a Pobreza, expuxo algúns datos “preocupantes” que lle deron a coñecer, destacando que o 25% da poboación galega está en risco de exclusión social, unha cifra que “nos debe alertar en maior medida ante a crise de prezos que a pode agravar”, alegou Formoso.
En relación a importancia da precariedade laboral, “un dato que nos debe facer reflexionar” segundo o secretario xeral dos socialistas, é que da xente en risco de exclusión social, o 30% encóntranse con emprego, polo que a posibilidade de “ser pobres, incluso traballando” é un problema estrutural moi grave para Formoso. Así mesmo, subliñou que a “inmensa maioría destas persoas son mulleres que teñen que sacar unha familia adiante soa con baixos ingresos”.
Puxo en valor o traballo de asociacións como a que visitou e outras, que cun carácter asistencialista, axudan a estas persoas a saír adiante. Recentemente incorporáronse a levar a cabo os trámites para acceder ao Ingreso Mínimo Vital que sube a 54.600 persoas en Galicia, pero que acceder a “este dereito” segue sendo moi complexo e lento, polo que Formoso pediu a súa axilización que, en parte, estase levando a cabo xa grazas a estas organizacións.
Na súa visita á Rede Galega de Loita Contra a Pobreza, Valentín González Formoso acudiu xunto coa secretaria de Política Social da executiva do PSdeG, Marga Martín, e reuniuse co director xeral da asocación, Xosé Cuns, e con outros membros da directiva.