O líder dos socialistas galegos participou este mediodía, xunto con representantes do PSdeG, na manifestación convocada en Santiago por Queremos Galego co gallo do Día das Letras
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle hoxe ao novo presidente da Xunta e ao conxunto do goberno galego que se impliquen na promoción, no coidado e no mimo da lingua galega, “esa expresión que nos fai un pobo distinto con identidade propia” e que debe ser “un elemento de unión e non de división”.
Ao mesmo tempo incidiu en que “a admiración e a obriga” dos socialistas galegos coa lingua “comprométenos co elemento cultural máis potente do noso pobo e do noso país, que é o idioma”.
En declaracións aos medios de comunicación, antes de tomar parte na manifestación convocada por Queremos Galego con motivo do Día das Letras Galegas, Formoso lamentou que a nosa lingua adolece aínda de “falta de espazo no ámbito educativo, no da mocidade ou no das novas tecnoloxías”.
Remarcou que isto sucede tras unha etapa, a Alberto Núñez Feijoo, na que “a aposta claramente non foi o galego”. Así, despois de trece anos de goberno do Partido Popular na Xunta, laiouse, por exemplo, de que hai eidos, como o da administración de xustiza, “nos que practicamente non existe o seu uso”.
Neste escenario, o líder dos socialistas galegos pediulle ao novo presidente da Xunta “que se implique” e que “aborde o reto de que o galego sexa transmitido polos nosos maiores para ser usado pola nosa mocidade”. “Se impulsa a liberdade nese camiño”, proclamou, “vai ter ao PSdeG ao seu carón”.
En calquera caso, Formoso sinalou que “imos darlle unha marxe”, pero “sen demasiada esperanza de que haxa un cambio de rumbo nese ámbito”. Nesta liña, lembrou que Alfonso Rueda “leva trece anos compartindo esa forma de entender o galego non como un instrumento de promoción da nosa identidade e cultura, senón como un elemento máis da administración”. “O goberno da Xunta adolece do vicio de non crer no país”, advertiu.