O líder dos socialistas galegos insta a Rueda a falar do que lle preocupa á cidadanía nun entorno socioeconómico tan complexo para Galicia
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, convidou hoxe ao presidente da Xunta a empregar o encontro convocado cos partidos da oposición para que “nos poñamos a falar do que á cidadanía lle preocupa”. “Trátase”, subliñou, “de algo moi necesario neste entorno socioeconómico tan complexo” que está a atravesar Galicia.
Nesta liña, o secretario xeral dos socialistas galegos reiterou cales son os tres eixes fundamentais dentro da axenda galega coa que o PSdeG acudirá a esta xuntanza: resolver o colapso que atravesa o sistema sanitario, impulsar un novo modelo económico que aposte pola innovación e mellorar a protección social aos nosos maiores.
Así, nunha situación de colapso sanitario, Formoso remarcou que “a sanidade vai ser prioritaria nesa axenda galega para a reunión con Rueda”. Lembrou que a cidadanía está a observar “como se tarda máis que nunca na historia en que che atenda o teu propio médico”.
Advertiu que esta situación, ademais, non se limita á atención primaria, senón que se estende tamén á atención hospitalaria, “onde hai dificultades en que che asignen unha habitación en urxencias en situación crítica” ou “onde se viven esperas de 6 ou 7 meses para ter a oportunidade de ter o criterio dun especialista ou unha proba diagnóstica especializada”.
Tamén serán unha prioridade para o PSdeG nese encontro con Rueda “o novo modelo económico ao que aspiramos”, e que debe estar “baseado na innovación en todos os tecidos produtivos galegos”.
Por último, “non menos importante”, a protección social nas residencias de maiores, nas que deben incrementarse as inspeccións e para as que cómpre deseñar un novo modelo con titularidade pública. Nesta liña incidiu en que as persoas maiores configuran “o estrato social que máis debemos de protexer”.
Agradecemento ao persoal da embaixada polo apoio ao mozo das Pontes ferido na explosión de La Habana
A preguntas dos medios de comunicación, Valentín González Formoso tamén confirmou que o mozo de as Pontes ferido na explosión rexistrada en La Habana hai unhas semanas regresará hoxe a Galicia. Amosou a súa satisfacción por unha recuperación “máis rápida do esperado” e aproveitou para agradecer o agarimo e o traballo realizado a todo o persoal da embaixada de España en Cuba, “que se portou francamente ben co afectado”.
“Hoxe aterrará en Galicia”, confirmou, “o que é unha moi boa noticia para os seus pais, que poderán abrazalo de novo”.