O secretario xeral do PSdeG presenta o Plan Impulsar Galicia que aboga por incorporar “cláusulas demográficas” na licitación pública para primar aos territorios que perden poboación
Esixe un incrementar nun 24% o investimento na atención primaria para resolver o “colapso”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, presentou hoxe o plan Impulsar Galicia no que recollen medidas alternativas aos orzamentos presentados pola Xunta para 2023, e que está centrado nun programa de emprego e no reforzo dos servizos públicos, especialmente no eido da atención primaria.
Valentín González Formoso cualificou os orzamentos da Xunta cara o 2023 como “as contas dun goberno resignado ante unha situación que non é a convencional”, entendendo que non se adaptan á conxuntura e “ben poden valer para o ano 2008, 2012 ou 1998, xa que non contemplan un escenario postpandémico, de suba de prezos nin de guerra en Ucraína”, así como deixa de lado a previsión de desaceleración económica.
Coa intención de “priorizar a recuperación económica e o reforzo dos servizos públicos”, o plan presentado polos socialistas está baseado en 5 puntos esenciais, sendo o primeiro deles “impulsar a Innovación, o Talento e o Emprego”. A boa saúde do mercado laboral é para Formoso “a principal tarefa transversal de todos os eidos da Administración”, por iso queren habilitar 100 millóns de euros para impulsar un Plan de Emprego de Galicia.
Habería dúas medidas principais, sendo a primeira que cando unha peme contrate a unha persoa desempregada, a administración se faga cargo do 100% do salario no primeiro ano, o 75% no segundo e o 50% no terceiro. O éxito desta iniciativa sería unha estabilidade no posto de traballo, algo que está comprobado ao realizarse na Deputación da Coruña, da que Formoso é presidente.
Para loitar contra o reto demográfico, propuxo incorporar “cláusulas demográficas” na licitación de contratación coa Administración Pública para primar aos territorios que están a perder poboación en Galicia.
Tamén se incorporan a creación de bonificacións económicas e incentivos fiscais para a implantación de empresas nas zonas despoboadas e o reforzo dos servizos públicos para que a xente “non teña que marchar obrigada” e a xente moza “poida iniciar o seu proxecto vital no rural”.
AUMENTAR UN 24% PARA A ATENCIÓN PRIMARIA
Outro dos campos nos que se centrou Formoso foi o do reforzo dos servizos públicos, en especial a sanidade “gran preocupación dos galegos e das galegas a día de hoxe” co ollo posto na “colapsada” atención primaria. Criticou que o gasto en atención primaria está 3% por debaixo do que se investía no bipartito e da media de España na actualidade.
Ante isto propuxo que, xa que aumentan as transferencias do Estado nun 24%, aumente nesta mesma porcentaxe o investimento en atención primaria. Do mesmo xeito, sinalou que hai que “investir o necesario” para reducir a 48 horas o máximo de espera por unha cita en atención primaria.
Tamén anuncian unha medida de auditorías sobre as derivacións dos hospitais públicos aos privados, que “só atenden aos casos máis rendibles” que varían segundo o hospital e a área sanitaria. Asi mesmo, destacou a proposta dun “programa para incentivar aos profesionais sanitarios para que non marchen de Galicia na procura da estabilidade laboral” da man dos sindicatos.
Os outros puntos do documento presentado polo PSdeG son o ámbito da enerxía, onde destaca a “aposta por Galicia como produtor de enerxía renovable2 dende a participación pública, que “impulse a industria e se reverta na cidadanía”, buscando solucionar a “sensación de espolio do rural galego”.
En canto á educación, criticou a que partida da consellaría é a que menos medra nos orzamentos respecto ao resto, e pide que se faga “un esforzo por apostar pola Formación Profesional”, a imitación do modelo alemán baseado na FP dual e “aproveitando” a lei de FP presentada polo goberno de España e que ven acompañada de fondos para as comunidades autónomas.
Amosou a súa sensibilidade co “mundo da investigación” cun “escenario laboral tremebundo” que “lastra o seu rendemento e o seu proxecto vital” e incentiva a emigración. Propoñen así a estabilización dos contratos de investigación ao fío da Lei de Ciencia estatal, aprobada co voto en contra do PP, tamén propuxo adicar o 3% do PIB a investigación ou emprendemento para frear a fuga de talento da mocidade galega e equiparar o investimento neste campo ao resto de España aumentando un 0,4% o investimento en I+D+i nos orzamentos da Xunta para 2023.
POLÍTICA FISCAL DO PP EN FAVOR DOS QUE MÁIS TEÑEN
Tamén aclarou que “o plan do PSdeG vai totalmente en contra da política de rebaixa do imposto de Patrimonio os 7.700 millonarios galegos que aforrarán de media 4.000 euros cada un”, denunciando que mentres tanto “a medida de deflagrar o IRPF as rendas baixas tradúcese en 41 euros de aforro para cada galego e galega”. Por isto entende que a Xunta ten unha “política fiscal en favor dos que máis teñen e en detrimento dos que menos teñen e dos servizos públicos”.
Así mesmo criticou a baixada dun 40% de impostos aos bingos “que pertencen ás grandes casas de apostas” e que “queren que pase desapercibida nos orzamentos”, que propón derogar, xunto coa bonificación do imposto de patrimonio, mentres que si propoñen “reducir o imposto pola transmisión patrimonial ás vivendas inferiores a 270.000 euros”.
A ÚNICA APOSTA DA XUNTA CHÁMASE O CAMIÑO DE SANTIAGO
Ante a publicación hoxe da Enquisa de Poboación Activa do segundo trimestre do ano que sinala de forma “alarmante” que con respecto aos datos do ano anterior, en Galicia aumentou o paro un 6,42%, mentres que no conxunto de España descendeu un 12,78, Formoso denunciou que nos orzamentos da Xunta tampouco incorporan a previsión do emprego que se destruirá.
Engadiu o dato de que “nos últimos 8 anos en Galicia perdéronse 65.000 empregos no ámbito industrial” dado que “a única aposta da Xunta chámase Camiño de Santiago” no ámbito da creación de emprego. Aclarou que, a pesar de apoiar o impulso do turismo no eido da divulgación da cultura galega, pero que “non debe ser a única oferta laboral que haxa en Galicia para os rapaces e rapazas cando acaban a súa formación”, reivindicou que “sen emprego non hai nada” na economía.
O número un dos socialistas presentou unha batería de propostas destacando que “a nosa idea é facer unha relación de propostas ao Parlamento de Galicia, dentro dun orzamento que contará cun 24,5% máis de cartos transferidos do Estado”, cerca de 1.700 millóns de euros que para Formoso “se deberían empregar para prepararase ante a dura situación económica e reforzar os servizos públicos”.