O líder dos socialistas galegos participa nunha concentración en apoio á sanidade pública na vila pontevedresa, que representa a “zona cero” das peores prácticas do PP na xestión sanitaria
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que explique se o “modelo Sanxenxo”, con “menos recursos, menos médicos, menos enfermeiros e o das ocorrencias como o das vivendas do verán” é “o que quere estender a toda Galicia”.
O líder dos socialistas galegos participou nunha concentración en defensa da sanidade pública convocada fronte ao Centro de Saúde de Baltar, en Sanxenxo, que representa, lembrou, a “zona cero” da “xestión dramática sanitaria do PP en Galicia”. Lembrou que a xestión do PP ten provocado que o Centro de Saúde teña xa pechadas as citas de atención primaria ata o mes de outubro.
Advertiu da “orde expresa da xerencia sanitaria” para pechar as citas en Sanxenxo, e alertou de que “este modelo non se pode estender ata toda Galicia”, onde, lembrou, “consideramos a sanidade como principal asunto que resolver”. Lembrou que os galegos e as galegas “coñecen perfectamente que cando os socialistas gobernamos en Galicia a atención médica está perfectamente garantida en 48 horas”.
Explicou que a situación deste Centro de Saúde “non é casual” e que ademais “no se limita só a Sanxenxo”, senón que representa unha “situación dramática en toda Galicia”, como consecuencia de 14 anos de xestión do PP, para o que “a sanidade non é unha prioridade”.
Proposta
O responsable socialista lembrou a oferta lanzada ao goberno galego e ao PP para “sentarnos, resolver e priorizar a xestión sanitaria” para solucionar o colapso da Atención Primaria. Apuntou que “queremos que se reequilibren os orzamentos e se volva aumentar un 10 por cento a xestión sanitaria”.
Valentín González Formoso explicou que os orzamentos de 2022 contan cun 10 por cento menos de recursos para atención primaria que no ano anterior, 2021, e que Galicia ten un 12 por cento menos de orzamento en sanidade respecto da media das comunidades autónomas do Estado. Unha sanidade, a galega, que está a padecer que logo de 14 anos conta hoxe con 973 profesionais médicos menos que en 2008.