O líder do PSdeG asegura que o relevo de Isabel Pardo de Vera non terá efectos porque o compromiso do goberno con Galicia está por riba das persoas
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, puxo este mércores en valor o traballo de CEGASAL coa incorporación laboral de persoas con discapacidade, ao mesmo tempo que coidan o medio ambiente, fíxoo tras coñecer o traballo que realizan ao reciclar vehículos na súa planta na capital galega.
O número un dos socialistas galegos foi a coñecer de primeira man o centro de reciclado de vehículos de CEGASAL en Santiago de Compostela cumprindo así o compromiso acadado co seu presidente cando se reuniron hai apenas uns meses. Amosou tamén o “total apoio” do PSdeG e das institucións das que forman parte ao seu traballo.
Formoso felicitou directamente á asociación por realizar unha “magnífica labor” ao ofrecer “oportunidades” a persoas con dificultades para a súa inserción laboral por motivo da súa discapacidade, así como facelo promovendo o coidado do medio ambiente e economía circular.
Eloxiou tamén a capacidade de “ler o futuro e as oportunidades de negocio” da asociación ao crear o centro de reciclado de vehículo na década dos noventa, cando a posibilidade de xerar actividade económica a través de actividades ecolóxicas e respectuosas co medio ambiente era algo que tan se vía moi futurista.
Pola súa banda, o presidente de CEGASAL, José Antonio Vázquez Freire, agradeceu a súa implicación ao líder dos socialistas e subliñou que o que diferencia á súa asociación é que non teñen ánimo de lucro que defenden que “coas persoas con discapacidade non se fai negocio” e por iso reinvisten todos os seu beneficios en novas empresas, tecnoloxía e formación para xerar novos empregos que axuden a esta xente.
OS COMPROMISOS DO GOBERNO VANSE MANTER
O líder do PSdeG tamén se pronunciou sobre o relevo da Secretaria de Estado de Transportes, a galega Isabel Pardo de Vera, á que agradeceu o traballo realizado e asegurou que “unha auténtica mágoa que as infraestruturas do país perdan a unha gran técnica e coñecedora das mesmas”, considerándoa “unha boa amiga á que seguro que veremos no futuro noutro papel”.
Palabras similares tivo para o ex residente de Renfe, Isaías Táboas, que definiu como “un galego afincado en Cataluña, comprometido coas infraestruturas galegas e ben coñecedor das mesmas”.
Formoso cre que estas modificacións non afectarán aos proxectos do executivo central para Galicia, xa que “os compromisos son do goberno, non de persoas”, asegurando que “hai unha gran equipa” que asegurarán que os compromisos “vanse manter e van a levar o mesmo ritmo” que había planeado.
Para disipar calquera tipo de dúbida, o tamén alcalde das Pontes recordou varios dos compromisos cumpridos polo goberno de Pedro Sánchez que “beneficiaron a milleiros de galegos e galegas”. Entre eles nomeou “a suba das pensións, do salario mínimo, as axudas ao rural ou os contratos industriais enormes como os da construción de fragatas en Ferrol”.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, manifestou que a dimisión de Pardo de Vera é “un desgusto importante”, pola súa “amizade persoal” e que lle ten “un gran aprecio e recoñecemento dunha labor extraordinaria”, ao mesmo tempo que resaltou a confianza en que “ocupe quen ocupe o seu posto” manteranse os compromisos con Galicia e, en particular, coa vila compostelá.
O líder dos socialistas estivo acompañado na visita á planta de reciclado de vehículos de CEGASAL, ademais do alcalde Bugallo, por Marga Martín, secretaria de política social do PSdeG; Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo e secretaria de emprendemento do PSdeG; e Pedro Blanco, secretario de emprego do PSdeG.