O líder dos socialistas galegos reclama un servizo esencial para conectar os novos proxectos industriais co porto de Ferrol e o resto da rede
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, aproveitou a visita da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, para pedirlle unha liña de ferrocarril de mercadorías entre Ferrol e Lugo pasando por As Pontes. O tamén candidato á reelección como alcalde de As Pontes exerceu como anfitrión na visita da ministra á localidade.
Formoso pediu a incorporación desta liña aos estudos do Ministerio polo seu papel “absolutamente definitivo” para apuntalar a recuperación da potencialidade industrial da comarca, en pleno proceso de reindustrialización en base a unha transformación xusta. Para iso, dixo, As Pontes “ten que ter tódalas posibilidades loxísticas” que esixe o seu vencello co porto de Ferrol e que complementen ás conexións viarias.
O responsable socialista deu a benvida á ministra a “un dos principais enclaves industriais de Galicia”, e salientou o traballo para consolidar a súa evolución industrial como polo de proxectos estratéxicos para a economía galega. Enumerou as iniciativas de implantación da xeración de combustibles verdes, almacenamento enerxético, aproveitamento forestal e dos recursos naturais e no sector do automóbil.
Apoio do Ministerio
A ministra de Transportes confirmou o apoio do goberno de España e do Ministerio que representa “a todos aqueles proxectos que poidan facer realidade e factibles o impulso e o desenvolvemento da cidade” e que está a liderar Formoso. Salientou o seu traballo “sabendo aproveitar as oportunidades” de transformación económica e industrial e a aposta pola industria sostible e verde.
Sinalou os “proxectos moi interesantes” previstos para a localidade coruñesa no ámbito das enerxías renovables, hidróxeno verde e etanol verde, así como no automóbil, e subliñou que “queremos que o impulso económico despregado cos fondos europeos chegue tamén a As Pontes. Reivindicou o traballo do goberno na defensa da “inmensa maioría social” no contexto da pandemia e as consecuencias da guerra de Ucraína.