O secretario xeral do PSdeG asegura que quen está “nervioso” con estas eleccións é Rueda e, sobre todo, un Núñez Feijóo “que sabe que Ayuso ten preparada a guillotina” para despois das xerais
Visita xunto ao alcalde e candidato José Miguel Alonso Pumar, o rural do concello de Cariño que está dentro do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal
24 de maio de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixo un chamamento a exercer un voto masivo polo proxecto socialista este domingo 28 de maio para “abrir un novo tempo de ilusión” en Galicia, un país “que leva tempo desmoralizado e rendido”.
O mandatario socialista fixo estas declaracións a pasada noitiña nun encontro cos veciños da parroquia de Landoi, no concello de Cariño, xunto ao alcalde e candidato á reelección, José Miguel Alonso Pumar. O enclave foi elixido polo traballo realizado na zona para a preservación ecolóxica e estar dentro do novo Proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal. Esta forma de facer “política de calidade, a política de altura”, percorrendo “cada recuncho do país” para “concretar os soños dos galegos e galegas” é o que diferencia aos socialistas dos populares segundo Formoso.
Considera que o PP “fai política embarrando”, incorporando debates alleos na campaña galega, como no caso das listas de Bildu, porque asegura que os populares “pensan que embarrando todo aquilo que nunca van a gañar nas rúas, poden gañalo nos xulgados”.
En referencia a unhas palabras dos populares de que vían a Abel Caballero nervioso polas eleccións en Vigo, Formoso replicou que de ser así “como de nervioso estará Rueda en Santiago?”. Non toma en serio esta afirmación que cualificou como “unha coña mariñeira” e engadiu que é o actual presidente do PP galego quen está nervioso “porque non ten a Feijóo para protexelo”. Un Feijóo que á súa vez ve tamén “nervioso”, xa que “sabe que ten a Ayuso preparando a guillotina para despois das eleccións xerais”, asegurou.
CARIÑO NO MAPA INTERNACIONAL
Pola súa banda, o candidato á reelección como alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, remarcou o traballo realizado durante o seu mandato onde construíron 2proxectos importantes” cun “esforzo” que cre que a veciñanza saberá valorar nas urnas. O proxecto estrela é o do Xeoparque da Unesco que “porá no mapa internacional” ao concello e ten a singularidade da “colaboración intermunicipal” de ata sete concellos e a Deputación da Coruña.
O principal argumento de Alonso Pumar para pedir o voto aos seus veciños é “o aval do traballo feito”, xa que “todo aquilo que se fixo viu de demandas dos veciños” en xuntanzas como a que realizaron onte na parroquia de Landoi. Defendeu o seu goberno como un que ofrece posibilidades ao conxunto da veciñanza do concello e pide o apoio para seguir sacando adiante o seu “proxecto ilusionante”.