O líder dos socialistas galegos visita a Zona Franca de Vigo, onde apunta á concesión da plataforma de vehículo eléctrico como garantía de futuro estable para a planta
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, emprazou hoxe á Xunta a “facer os seus deberes” e que traballe da man do goberno do Estado para blindar a presenza de Stellantis en Vigo da man do vehículo eléctrico. Así o dixo logo dunha visita á Zona Franca de Vigo, onde mantivo unha reunión co seu delegado, David Regades.
Formoso amosouse “convencido” da asignación da plataforma do vehículo eléctrico para as instalacións de Vigo e despexar así un futuro estable para a planta de Stellantis. Para iso, dixo, “cada un debe facer os seus deberes” co horizonte de crear as condicións idóneas para que o grupo garanta a súa presenza en Galicia.
Salientou o esforzo do goberno do Estado para garantir ademais a moi alta tensión para Vigo, unha medida que “non fixo o goberno de Rajoy” e que Pedro Sánchez “si que vai facer”, tomando unha “medida xusta que acaba coa discriminación á cidade de Vigo” dende os gobernos do PP.
Apuntou que Galicia “ten moito que dicir ao respecto”, e afeoulle ao goberno galego que se manteña “observando como os grandes expedientes e os proxectos tractores están á espera de decisións de fora de Galicia”. Contrapuxo a pasividade da Xunta coa actitude proactiva de Castela e León, Aragón ou Navarra, todas elas “facendo máis que confrontar co Estado” para garantir a continuidade das marcas no seu territorio.
Reclamoulle á Xunta que poña en marcha liñas de axuda e conversas con Stellantis para concretar a súa continuidade “canto antes”, e que siga o exemplo da Zona Franca. Sinalou ao traballo do ente na dinamización da economía galega dende Vigo e o modelo de penetración de proxectos nas catro provincias e de apoio a proxectos emprendedores que permitan reter talento.
Compromiso da Xunta
Urxiu ao Executivo autonómico a “que acelere” diante das difíciles previsións económicas e que active liñas de axuda para impulsar os sectores produtivos fundamentais para Galicia. Logo dunha visita á Zona Franca de Vigo, o líder dos socialistas galegos criticou o desleixo do goberno galego cando esta Comunidade Autónoma ten a peor previsión de crecemento económico de España en 2023.
Criticou que a Xunta “non reacciona” cando Galicia terá en 2023 a metade de crecemento económico de Cantabria e un terzo do previsto para o País Vasco, malia o que o Executivo autonómico “non activa liñas de axuda dende os seus orzamentos” para os sectores produtivos.