O secretario xeral do PSdeG cre que os populares se poñen a “venda antes que a ferida” ao asegurar que se non recuperan a Deputación da Coruña non pasa nada
24 de abril de 2023. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, dixo este luns que percibe nerviosismo no PP ante as municipais e asegura que a “marca Feijóo non está axudando nada” porque “cada vez que abre a boca sube o pan”.
Formoso fixo estas declaracións ao fío das palabras pronunciadas por Rueda na fin de semana sobre o PSdeG, logo de participar nun acto da Deputación da Coruña. Sinalou que a incomodidade que aprecia no Partido Popular explícase por unhas eleccións municipais “moi difíciles para eles”, xa que as perspectivas dos socialistas son francamente boas para manter o seu amplo poder local.
Ademais, entende que a “marca Feijóo” non está contribuíndo a mellorar a situación no PP, xa que “cada vez que fala sube o pan”. Logo de que recriminase a Pedro Sánchez non apoiar á cultura chinesa dende unha exposición en Alacante, mentres o presidente do goberno estaba na propia China, e de que fixera algo similar organizando a súa propia versión do cumio Iberoamericano, Formoso ironizou sobre que “cando Pedro Sánchez se reúna con Biden, Feijóo irá a un McDonald´s” a queixarse de que non o faga Sánchez.
Fronte a un PPdeG que só depende do tirón de Feijóo e que por iso se está debilitando, o secretario xeral do PSdeG resalta que eles teñen “unha equipa que está traballando arreo, que cada vez estamos máis fortes e que temos por diante a ilusión de acadar un importante respaldo nas municipais”.
REVALIDAR A DEPUTACIÓN
Ante as declaracións do vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, sobre que se os populares non recuperan a Deputación da Coruña “non pasa nada”, Formoso asegurou que “está ben que se poñan a venda antes que a ferida”.
Reivindicou a institución provincial como “un lugar de consenso” e aspira a que os socialistas revaliden a súa presidencia logo da “revolución nunca coñecida” nestes últimos oito anos, nos que puxeron a xeración de emprego como obxectivo transversal das súas políticas. Un “modelo de goberno que chegou para quedarse” baseado na “transparencia, obxectividade e autonomía dos mesmos á hora de transferir recursos aos concellos”.