O secretario xeral do PSdeG advertíu que 78 municipios non conseguiron contratar aos profesionais que necesitan para vixiar as zona de baño
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esixiulle hoxe á Xunta que retire os “excesivos requisitos” que impuxo para a contratación de socorristas por parte dos concellos nas zonas de baño de Galicia, pois asegurou que “xeran desprotección” e poden poñer en perigo vidas humanas.
O líder dos socialistas galegos visitou o concello do Grove, onde se reuníu co alcalde, José Cacabelos, co presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, entre outros alcaldes e portavoces municipais, para analizar as causas do déficit de socorristas que teñen as entidades locais.
Denunciou Formoso que o cambio normativo feito hai dous anos polo goberno galego para homologar as titulacións de socorristas está a xerar desprotección nas praias galegas. De feito, sinalou que hai 78 concellos de Galicia co persoal de socorristas reducidas e moitas praias non poden ofertar un servizo que considera esencial.
O número un dos socialistas galegos urxiu ao executivo a cambiar un regulamento que xera unha falta de socorristas nas praias galegas, co risco para a vida dos veraneantes que leva consigo. Recordou que xa morreu un afogado un home en Barreiros, na Mariña lucense, nunha praia sen socorrista.
Formoso pediu á Xunta que abandone a deixación de funcións tamén neste ámbito, no que bota a culpa aos concellos. Criticou que a Xunta está constantemente a responsabilizar a terceiros dos problemas derivados da súa xestión. Enumerou distintos exemplos disto, no ámbito sanitario responsabilizando aos internistas, na atención primaria, cos pacientes que “van demasiadas veces ao médico” ou no “tarifazo” do ciclo da auga, onde a Xunta volve a culpar aos concellos.
O líder do PSdeG finalizou coa petición ao PP de que “se non teñen capacidade nin ilusión” para xestionar Galicia, que deixen a formacións como o PSdeG que conta con “experiencia de xestión, ilusión e respecto polo país”.
Estivo acompañado polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela, que pediu á Xunta que rectifique o erro, incidindo en que non pasa nada por rectificar. Esixiu que non se pase a responsabilidade aos concellos e se lexisle en colaboración con eles, que son os que teñen que aplicar a normativa de contratación.
Do mesmo xeito, o alcalde do Grove, José Cacabelos, que non puido completar a contratación prevista de socorristas denunciou que os concellos están a verse en dificultades para ofrecer o servizo “que as nosas praias, os turistas e veciños requiren”. Por iso sinalou que a normativa da Xunta “vai en contra de mellorar este servizo” básico para o turismo en Galicia.