O secretario xeral do PSdeG presenta como aval á xestión socialista en 3 das 4 deputacións e 111 concellos que representan ao 62 por cento da poboación “fronte a un PP en fin de ciclo”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, presentou hoxe aos socialistas galegos como “a alternativa sensata e ilusionante” que necesita Galicia “fronte a un PP en fin de ciclo”. Sinala que “O PSdeG está chamado a liderar o cambio en Galicia” diante dun PP “enredado na historia interminable da sucesión de Feijóo”.
Sinalou que “os socialistas somos a alternativa para reactivar Galicia de forma sensata pero contundente”, tal e como “estamos demostrando cada día coas nosas propostas e nos concellos nos que gobernamos”. Defendeu un proxecto “que sexa quen de estar á altura das circunstancias e das ansias dos galegos e das galegas que queren un goberno forte, que respecte as tradicións e revolucione este país con tranquilidade”.
Formoso presentou a alternativa socialista como “capaz de poñer o mellor que ten” e de facer valer “as potencialidades do país nun momento que necesita dunha Galicia activa, dinámica e que aspire a todo”.
Fronte á impasividade do goberno galego presentou a un PSdeG que goberna ao 62 por cento da poboación galega en todo o país, que preside as deputacións de A Coruña, Pontevedra e Lugo, así como as cidades de Vigo, Lugo, Santiago, Ferrol e 111 alcaldías en todo o país.
Problemas internos do PP
Logo dunha etapa de meses que o PP dedicou a “arranxar os seus problemas internos de sucesión”, é o momento de que Galicia “teña un goberno que se poña a traballar, ao servizo de Galicia e non do PP”. Así o dixo logo da escenificación da sucesión de Feijoo “demasiado longa”, na que “observamos que o reparto de poder no futuro goberno galego entre os varóns provinciais é unha mesa camilla”.
Galicia, dixo, “agarda por un DOG e un goberno que lidere a toma de medidas e que as publique no diario oficial dunha vez por todas”. Sinalou que “o país está aterido pola situación económica máis grave dos últimos 30 anos, que afecta aos gandeiros, os agricultores, os pescadores, os transportistas e os operarios das fábricas que adoecen de falla de produción pola carestía dos prezos da electricidade”.