O líder dos socialistas galegos mantivo esta mañá –acompañado do alcalde de Cambados, Samuel Lago- unha xuntanza cos afectados por un informe de Costas
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, expresou hoxe o seu apoio e o seu compromiso co futuro da cadea mar-industria, “que para nós é absolutamente estratéxico e que aglutina a máis de 30.000 persoas que viven da extracción e a transformación do produto pesqueiro galego”. “Loxicamente”, remarcou, “dende o PSdeG non imos permitir que ese sector corra o máis mínimo perigo”, sobre todo “tendo en conta a implicación laboral que supón para tantas familias galegas”.
Valentín González Formoso realizou estas declaracións antes de manter –xunto co alcalde de Cambados, Samuel Lago- un encontro con representantes do sector afectados por un informe de Costas que pon data de caducidade á permanencia de algunhas das súas instalacións en zona dominio público marítimo terrestre.
Neste contexto, tras subliñar o carácter “tradicional e estratéxico” destas instalacións, o líder dos socialistas galegos avogou por “poñerlle deberes” ao goberno do Estado e tamén á Xunta -a través da Consellería do Mar e de Portos de Galicia- para que entre todas as administracións se busquen solucións no canto de que “estean pasándose a pelota e confrontando politicamente” mentres se prexudica “a aqueles que quedan no medio, que son, precisamente, os traballadores e traballadoras do mar.
En calquera caso, Formoso indicou que “estamos tranquilos” tras ter mantido conversas coa Dirección Xeral de Costas e coa ministra de Transición Ecolóxica. “Pero estaremos máis tranquilos cando conteste por escrito ao sector directamente”, sinalou.
Por iso, emprazou aos afectados a solicitar un informe ao Ministerio para se fixe un criterio e unhas condicións claras baixo as que este tipo de instalacións poidan permanecer en zona de dominio público marítimo terrestre. “Con iso”, aseverou, “creo que a seguridade xurídica estaría garantida e achegaríamos tranquilidade ao sector”. “Iso é o que imos esixir nós”, subliñou.
Nesta liña, Valentín González Formoso incidiu en que existen “unha serie de argumentos que, dende o sentido común acreditan que non hai ningún outro emprazamento posible para estas instalacións estratéxicas e auxiliares do sector extractivo”. Así, afondou en que “non tería sentido colocar unha tubaxe que captase auga de mar para transferila a un polígono industrial a 15 ou 20 quilómetros”, xa que “non sería operativo”.
Ao mesmo tempo resaltou que “son instalacións que ademais achegan vida ao medio mariño e ao dominio público onde están situadas e, polo tanto, creo que non hai ningún tipo de contraindicación”.
SAMUEL LAGO
Nesa mesma idea incidiu o alcalde de Cambados, Samuel Lago, quen defendeu que “non ten sentido que este tipo de industria estea en outro sitio”. Lembrou que xa mantivo un encontro coa directora xeral de Costas tras o cal “estamos máis tranquilos” porque “foi clara sobre que esas industrias relacionadas co mar poidan seguir neses emprazamentos”. Con todo, “queremos velo por escrito”.
De maneira complementaria, informou de que esta mesma semana manterá tamén unha xuntanza coa presidenta de Portos de Galicia “para darlle conta das vías de solución que se abriron en Costas” e “imos plantexar como se podería resolver o problema”.
“O que queremos”, zanxou lago, “é que non se prolongue o conflito, que se exploren as vías de solución e que se propoñan xa medidas para continuar coa tramitación do Plan Especial onde a permanencia destas industrias neses terreos apareza con total seguridade xurídica”.