O líder dos socialistas galegos apunta que Galicia perdeu peso en emprego, poboación, servizos públicos e “no fixo absolutamente nada” a favor dos sectores produtivos estratéxicos
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, lamentou hoxe en A Coruña as “renuncias ás que se viu sometida Galicia nos últimos 13 anos” derivadas do desleixo de Feijóo á fronte da Xunta. Explicou que “se un atende aos datos obxectivos non é un bo legado”.
Explicou que cando Feijóo chegou ao goberno galego “tiñamos menos parados, moitísima menos débeda, había máis xente en Galicia, incluíndo máis xente moza, e investigábase máis do que hoxe se investiga”. Engadiu que os galegos e galegas contaban daquela con 138 colexios públicos máis abertos dos que hai logo de 13 anos nos que o presidente da Xunta non foi quen de abrir ningunha residencia pública.
Criticou que Feijóo “non fixo absolutamente nada” a favor das “cuestións estratéxicas de país” e dos sectores produtivos que “serven de tractores para manter millóns de persoas contratadas e con oportunidades laborais activadas”. Sinalou que o goberno galego “renunciou a todo aquelo que puidera supor un conflito”.
Os sectores produtivos galegos padecen hoxe a falla de impulso de Feijóo para o que “supuxera un certo risco de estragar a súa aterraxe tranquila e sosegada dende o minuto 1 en Madrid”.
Neste sentido, explicou que “por iso estamos renunciando a que Citröen Stellantis estea producindo 24 horas ao día, e que non haxa unha fábrica de microchips en Galicia cando temos os minerais para explotalos e construílos aquí en Galicia sen depender de Taiwan”. O mesmo sucede coas renuncias ás que someteu aos eidos enerxético, madeireiro ou científico.
Urxencias
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixo estas declaracións logo dun encontro cos representantes dos médicos de Emerxencias, Semes Galicia, hoxe en A Coruña. Formoso chamou a que o goberno galego garanta unha “maior implicación e unha aposta valente pola reformulación do sistema sanitario galego de acordo cos colectivos que o protagonizan”.