O secretario xeral do PSdeG intervén en Vilagarcía xunto a Alberto Varela, Abel Caballero, David Regades e Carmela Silva, nun mitin onde recalca que “ninguén pode quedar na casa” cando están en xogo “os dereitos de todos”
O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, chamou á mobilización ao insistir que “todos os votos valen o mesmo” e “son necesarios” para “frear á dereita reaccionaria” e confía nunha “remontada histórica” o domingo.
Os socialistas galegos celebraron este mércores un mitin nos Xardíns de Ravella de Vilagarcía de Arousa, onde o alcalde local, Alberto Varela, así como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e os candidatos ao Congreso e ao Senado, David Regades e Carmela Silva, acompañaron a un Formoso que recolleu a luva de Zapatero onte na Coruña para pedir unha asistencia masiva “ás urnas”, “en defensa da verdade” e “contra a mentira”.
Formoso apelou a “loitar polo país no que queremos vivir e no que crezan os nosos fillos” e advertiu que “o que está en xogo son os dereitos das mulleres, dos pensionistas, dos nenos e nenas que queren estudar, do colectivo LGTBI e de todos nós a ter unha atención sanitaria de calidade”. “Cando vai a depender todo o noso futuro de uns poucos votos, ninguén pode quedar na casa”, apuntou.
O líder do PSdeG sinalou que a Feijóo “xa se lle caeu a careta” e que agora “toda España sabe que é un mentireiro”. Remarcou a importancia de votar para evitar que sexa presidente quen “carece de propostas” e “ten o engano como primeira e última ferramenta política”.
Formoso considera que no debate que se celebra o mesmo mércores en TVE e ao que non acudirá Feijóo, “o PP vai a estar representado por Abascal, porque asumiron completamente o argumentario da extrema dereita”. Iso é “o maior perigo” que ve o líder socialista na campaña realizada polos populares.
De igual xeito, asegura non estar sorprendido “porque xa coñecemos ben a Feijóo todos os galegos”, dos que agarda un gran respaldo o domingo ao proxecto do Partido Socialista.
Formoso reiterou a importancia de acudir a votar e recorda “ás clases medias e traballadoras” que o seu voto “vale igual que o dos señoritos do PP”. Considera que o domingo é unha data transcendental debido a que “imos ser xulgados pola historia” segundo o resultado final.