O secretario xeral do PSdeG destaca a “responsabilidade” dos galegos de “alertar do que lle espera a España como chegue Feijóo ao goberno”, xa que “deixou unha Galicia moito peor da que encontrou”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, iniciou a campaña das xerais en Vigo onde pediu que se faga “voto útil” concentrando os apoios no Partido Socialista para evitar “enorme retroceso” en “dereitos sociais e servizos públicos” que suporía un goberno conformado por PP e Vox.
Nas horas previas ao comezo oficial da campaña, o secretario xeral do PSdeG fixo un acto de arranque na entrada do simbólico Centro Comercial Vialia, onde se encontra a remodelada Estación Intermodal de Urzaiz, feita co investimento do goberno de España.
Formoso sinalou que os socialistas afrontan estas dúas semanas “con ilusión e cargados de enerxía para defender os avances acadados nestes últimos cinco anos co goberno de Pedro Sánchez”, así como coa “constancia do enorme retroceso que significaría que a chegada dun goberno da dereita e da ultradereita que comprometería algúns dereitos, liberdades e conquistas”, apuntou.
Destacou algúns dos logros realizados polo goberno socialista durante estes años, moitos deles vinculados a Galicia como a chegada do AVE, os abonos gratuítos de trens de media distancia, os contratos de fragatas para os asteleiros de Navantia ou garantir o subministro enerxético a Alcoa ou á planta de Stellantis en Vigo.
Fronte a isto, resaltou que o PP quere poñer o “freo de man” á boa marcha da economía e conformar un goberno coa ultradereita “para implantar a súa visión retrógrada de España, para volver ao branco e negro e levantar os carteis da intransixencia e das prohibicións”.
O secretario xeral dos socialistas galegos encontra preocupante as propostas que queiran “construír o país do negacionismo da violencia de xénero e do cambio climático, o país do pin parental e o país da derrogación da liberdade sexual ou da Memoria Democrática”.
QUE FARÁ XUNTO A ABASCAL?
Entende tamén que os galegos “temos a responsabilidade de alertar do que lle espera a España como chegue Feijóo ao goberno”, xa que considera que “deixou unha Galicia moito peor da que se encontrou”. Formoso xustifica isto en que “creou listas de agarda en atención primaria de ata 15 días”, “destruíu 40.000 empregos industriais” ou en que “pechou 1 de cada 10 colexios públicos”.
Con este balance pregúntase “se iso é o que fixo en Galicia, que fará no Estado con Abascal como vicepresidente?”, para terminar alentando á cidadanía ao asegurar que “xogámonos moito este 23 de xullo, nada menos que manter os avances acadados nos últimos ou volver 50 anos atrás”.
No inicio da campaña socialista, Formoso estivo acompañado do alcalde de Vigo, Abel Caballero, así como dos principais candidatos do partido na provincia, como o cabeza de lista ao Congreso, David Regades, ou a cabeza de lista ao Senado, Carmela Silva.