O secretario xeral do PSdeG insiste en que son “só quince minutos” para acudir ao colexio electoral e “decidir o noso futuro”
O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, exerceu o seu dereito a voto hoxe nas Pontes, onde chamou á mobilización ao insistir que “merece a pena deixar de bailar unha peza na sesión vermú” para que “outros non decidan o noso futuro” e confía en que ao final do día “teremos a boa nova” de que a sociedade exerceu maioritariamente o seu dereito ao voto.
Formoso insistiu en facer un chamamento a toda a sociedade para que exerza “ese dereito que tanto costou ter” e advertiu que está en xogo o noso futuro. “Esperamos que ao final da xornada a participación sexa tan relevante coma este día”, apuntou.
O líder do PSdeG sinalou a importancia de que todo o mundo exerza o seu dereito na festa da democracia e reiterou que “merece a pena” investir quince minutos en acudir aos colexios electorais este domingo para “que outros decidan por nós”. Destacou que estamos nun “momento histórico” onde ninguén se pode quedar na casa e que “cando a democracia chama a nosa porta dá igual o día que sexa”.
O secretario xeral amosouse convencido de que hoxe o 23X contará coa maioritaria participación e a sociedade apostará polos dereitos e os avances dun goberno de progreso. Ademais, puxo en valor que aínda que “para exercer a democracia calquera día é bo” hoxe as condicións meteorolóxicas son propicias para mobilizarse ás urnas neste día “tan importante”.
Formoso dixo que seguirá o reconto dende a sede nacional do PSdeG, en Santiago, xunto a varios membros da executiva e integrantes das candidaturas socialistas.