O secretario xeral do PSdeG remarca que ningunha empresa do sector mar industria corre perigo pola normativa estatal, polo que a Xunta está a crear inseguridade xurídica
Sinala a Rueda que “se o que quere é facer campaña, que convoque xa as eleccións” e encontrará “un PSdeG preparado para gobernar Galicia, para poñerlle fin ao ciclo político do PP”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, esixiu este domingo ao goberno de Rueda que “deixen de enganar e someter á cadea mar industria “aos intereses electorais do Partido Popular” coa súa actuación coa Lei do Litoral.
O tamén alcalde das Pontes asegurou que son os populares os que “están a provocar incertezas e inseguridade xurídica no sector da cadea mar industria”, logo de “aprobar de forma unilateral unha lei do litoral e colisiona en 27 dos seus artigos co texto constitucional, tal e como di o ditame do Consello de Estado”, expuxo. “Non se pode xogar coas normas, nin se pode defender a Constitución pola mañá e incumprila pola tarde”, engadiu.
Formoso ten claro que “a día de hoxe ningunha empresa do sector mar industria corre perigo pola normativa estatal”, xa que “todas e cada unha das prórrogas das concesións solicitadas foron autorizadas polo goberno do Estado”, reivindica.
“Por iso”, incide, “non podemos permitir que o goberno de Rueda xogue coa seguridade xurídica”, tanto dos 40.000 postos directos do sector en Galicia, como das instalacións da cadea mar industria.
Por outra banda, considera que estamos ante parte da estratexia electoral do PP de cara ás autonómicas. Formoso emprazou a Rueda a “volver á vía do diálogo nun asunto de país” e lembroulle “que se o que quere facer é campaña, que convoque xa as eleccións”. Destacou que o PP terá enfronte a “un PSdeG preparado para gobernar Galicia, para poñerlle fin ao ciclo político do PP, para resolver cuestións de Estado e de país” como o relativo a esta Lei do Litoral, concluíu.