O secretario xeral do PSdeG recrimina ao líder do PP o recurso á reforma do lei do aborto e “manipular e manobrar no Tribunal Constitucional”
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esixiu este venres ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que pida desculpas a todas as mulleres galegas por poñer en risco a súa liberdade co recurso do PP á lei do aborto.
Formoso manifestou a ledicia dos socialistas pola decisión do Tribunal Constitucional favorable á reforma da lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo do executivo de Zapatero, cualificándoo como un “día histórico para a liberdade das mulleres”.
Ante o recurso que presentou o PP entón para impedir a reforma da lei e que mantivo o seu actual líder, Alberto Núñez Feijóo, fíxolle un “chamamento explícito” a este para que “pida perdón ás máis de 1.396.000 mulleres galegas que estiveron a piques de perder un dereito que teñen as mulleres en todos os países homologables de Europa”.
O líder socialista cre que co seu recurso o PP “buscaba coartar a liberdade das mulleres galegas e españolas, rematando cun dereito que desfrutan dende hai tempo”. Así mesmo, entende que o PP intentou “manobrar contra a liberdade das galegas de tal modo que incluso buscaron manipular e que se mantivera a maioría conservadora no tribunal Constitucional para que a decisión fora outra”.
Formoso celebrou que a pesar das trabas dos populares durante todos estes anos e a tardanza do poder xudicial en tomar a decisión, “ao final fíxose xustiza”.