O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, e a ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, mantiveron hoxe un encontro co colectivo Mulleres Salgadas para abordar as melloras laborais que a nova Lei de Pesca Sostible traerá para as mulleres do mundo do mar, entre elas as mariscadoras e redeiras, que poderán xubilarse catro anos antes, recoñecendo así unha demanda histórica destes colectivos.
Formoso incidiu de novo en que os socialistas galegos pedirán tamén no trámite de emendas que as bateeiras e bateeiros podan incluírse tamén entre os colectivos profesionais do mar que se benefician deste coeficiente redutor do 0,15, recoñecendo así a dureza de determinados oficios e permitindo que os e as profesionais podan xubilarse antes.
Valentín González Formoso, asistiu tamén xunto á ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno de España, Isabel Rodríguez, e á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, ao I Encontro de Alcaldesas celebrado na cidade herculina.
Rexedoras de cidades de máis de 100.000 habitantes de toda España participaron nesta cita, que segundo Formoso “contribúe a facer visible o importante traballo das mulleres á fronte dos gobernos municipais”, un ámbito onde “aínda queda moito por facer pois só o 21% das alcaldías están ocupadas por mulleres”, sinalou.