O líder dos socialistas galegos, xunto con compañeiras e compañeiras do PSdeG, asistiu este mediodía á inauguración da estrela dedicada ao cineasta Daniel Monzón
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, salientou hoxe a “excelente plataforma” que supón o Festival de Cans para amosar “o talento creativo e o enorme potencial do audiovisual galego”.
Precisamente, co obxectivo de manifestar o seu apoio decidido ao sector e o seu compromiso co que debe ser “un dos piares fundamentais da industria cultural do país”, Formoso acudiu hoxe á aldea porriñesa para tomar parte nos actos programados con motivo da clausura da edición número 19 deste certame.
Alí, acompañado dunha representación de membros do Partido Socialista de Galicia, tivo a oportunidade de asistir ao acto de homenaxe e inauguración da estrela ao cineasta Daniel Monzón no Torreiro das Estrelas.
Tras felicitar ao director e guionista de películas tan relevantes como Celda 211, El niño ou a recente Las Leyes de la Frontera, Valentín González Formoso tamén avogou por un sector audiovisual galego “potente e vivo”.
“Queremos”, dixo, “que ademais de crear emprego e aproveitar o noso talento creativo, tamén amplíe a súa capacidade para proxectar a imaxe de Galicia ao mundo”. “Con ese compromiso”, proclamou, “traballaremos dende o PSdeG”.