O secretario xeral do PSdeG sinalou que Galicia é “un país de xente traballadora e de clase media, non de millonarios”
Participou nun encontro cos socialistas de Redondela onde destacou que a alcaldesa “conta cun gran equipo e un gran proxecto” de cara ás municipais de 2023
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, criticou o “cinismo fiscal” de Rueda ao baixar impostos “aos millonarios” para despois reclamarlle ao fondos ao Estado. Engadiu que estas rebaixas non axudan á xente, xa que Galicia é “un país de xente traballadora e de clase media, non un país de millonarios”.
Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, mostrouse “escandalizado” ante a rebaixa do imposto de patrimonio aos “millonarios” anunciada polo presidente Alfonso Rueda.
Para Formoso, o que está a aplicar Rueda é un “cinismo fiscal” por bonificar os impostos “aos que máis teñen” e logo pedir fondos ao Estado. Entende que non se debe a unha iniciativa propia do presidente galego, senón que a decisión é por “facerlle caso a Ayuso, a Feijóo e a Moreno Bonilla”.
Ante o que cualificou como “seguidismo”, o número un dos socialistas galegos, remarcou que “os galegos e as galegas merecen un goberno digno, que respecte Galicia” e que “non utilice Galicia na confrontación co Estado”.
O secretario xeral do PSdeG reivindicou que Galicia ten que ter “criterio propio” en política fiscal e “non estar sometida a Génova” e polo tanto, ao “PP de Madrid”.
Formoso participou nun acto xunto á militancia socialista en Redondela, en compañía da alcaldesa, Digna Rivas, o alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o secretario xeral do PSdeG da provincia de Pontevedra, David Regades.
DIGNA RIVAS, UNHA REFERENCIA ENTRE AS ALCALDESAS DE GALICIA
Na súa intervención, Formoso, asegurou que Digna Rivas é “unha referencia entre as alcaldesas de Galicia” que “conta cun gran equipo e un gran proxecto” de cara a “afrontar as municipais de 2023 e seguir construíndo unha Redondela con futuro”.
Tanto Caballero, como Silva e Regades tamén trasladaron o seu apoio á alcaldesa para manter a alcaldía socialista en Redondela e emprazaron a Formoso a seguir traballando xuntos de cara ás municipais e ás autonómicas para que os socialistas cheguen á presidencia da Xunta.