O líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, denunciou este luns nun encontro co patrón maior da confraría de Rianxo a “deixadez” da Xunta diante da baixada de produción marisqueira e esixiu que se estendan as axudas ao sector, especialmente co marisqueo a pé que quedou excluído das liñas de apoio.
O número un do PSdeG achegouse á localidade de Rianxo para coñecer de primeira man as demandas dos profesionais que viven do marisqueo na ría de Arousa. Esta visita débese á “situación de alarma” que denuncian os mariscadores debido á perda de produción dos últimos anos e aos elevados niveis de mortaldade de molusco polo excesivo aporte de auga doce.
Formoso quere “poñer enriba da mesa” as demandas do sector extractivo do mar que está preocupado por esta baixada da produción da cal non se coñecen as causas e que lles obriga a adiantar o paro da campaña marisqueira.
É por isto que o líder socialista esixiulle ao goberno galego e, nomeadamente ao presidente Rueda, que “se poña ao fronte da situación” e poña en marcha todos os recursos da Xunta para esclarecer as causas desta baixada da produción, xa que na actualidade só hai uns supostos que prantexou o sector, pero sen confirmación científicas.
O socialista entende que hai unha “deixadez” da Xunta e que se está a comprobar un “abandono ao sector”. Isto se explicita na inexistencia de axudas que axuden a paliar esa perda de ingresos para o marisqueo a pé, sendo que si desfrutan delas no marisqueo a flote.
Tamén quixo denunciar a falta de permisos de pesca expedidos polo goberno galego, sendo na actualidade menos de 4.000 PERMEX, cifra inferior aos 6.500 que había no 2009, e incluso menos da metade dos 8.000 que prometeu Feijóo cando era presidente da Xunta.
Por todas estas razóns esixiu “implicación, sensibilidade e axilidade” para que o sector do marisqueo coñeza canto antes as causas desta situación, contando con todos os medios científicos e económicos da Consellería do Mar, ante o que é, reiterou, “unha situación de alarma” na comarca de Arousa.
Valentín González Formoso acudiu á localidade arousá acompañado do patrón maior da confraría de Rianxo, Miguel Iglesias, do candidato socialista á alcaldía de Rianxo, Óscar Rial, da concelleira do goberno local, Rosana García, do parlamentario arousán e membro da comisión de Pesca, Julio Torrado, da vicevoceira parlamentaria, Begoña Rodríguez, do secretario provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro.