O secretario xeral do PSdeG reúnese coa dirección da Asociación de Traballadores Autónomos de Galicia (ATA) para analizar as demandas do colectivos
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, denunciou hoxe a “cegueira orzamentaria” do goberno da Xunta cos autónomos e chamou a intensificar as liñas de apoio para os máis de 205.000 traballadores por conta propia que hai en Galicia para mitigar os efectos derivados dos forte incremento dos prezos de materias básicas como a enerxía e os combustibles.
Formoso mantivo unha reunión coa dirección da Asociación de Traballadores Autónomos de Galicia, na que compartiron reflexións cun propósito construtivo sobre a situación do colectivo na comunidade. Ao finalizar a mesma, afeou as axudas “insuficientes” da Xunta para os autónomos ante a suba de prezos, xa que só 18.000 dos máis de 205.000 autónomos galegos recibiron eses cartos.
O líder dos socialistas galegos non entende como, co orzamento “máis grande da historia”, que crece grazas aos 1.055 millóns de euros aportados polo Estado, se aportan unicamente 30 millóns aos autónomos, que son “parte esencial da economía”.
Criticou ademais o proceder destas axudas, xa que mantiveron os criterios de ingresos do ano anterior, onde estes eran inferiores debido a que non se dera aínda a alza de prezos que afecta á economía galega especialmente.
Ante as previsións de organismos independentes que anunciaron que a economía galega será a que menos creza en España no 2023, Formoso ve unha “cegueira orzamentaria” por parte da Xunta con medidas como estas aplicadas aos autónomos. De feito, resaltou a “complicada” situación dos autónomos, que ten as súas particularidades en Galicia que “fan imprescindible reactivar o mundo do emprendemento.
1.500 COMERCIOS QUE PECHARON
No 2023 hai unha perspectiva de perda de autónomos e de repetirse cifras ás de 2022 similares no peche de comercios, ano no que 1.500 comercios desapareceron en Galicia. Para Formoso este é un dato que “asusta e ten que facernos reflexionar”, xa que é consecuencia “da renuncia ao emprendemento” dende a Xunta de Galicia.
A pesar de que recoñece que non hai “solucións máxicas”, incide en que é preciso “activar todos os mecanismos do país para que un novo proxecto empresarial, unha nova idea” teña “titorización e apoio pública” fomentando a “retención do talento galego”. Neste punto, destacou as medidas que o PSdeG levou ao Parlamento neste senso, con especial atención ao aumento da porcentaxe de PIB destinada ao I+D+i.
Ademais de Formoso, no encontro tamén participaron o presidente de ATA Galicia, Rafael Granados, o secretario xeral de ATA Galicia, Álvaro Viqueira, así como representantes da executiva nacional do PSdeG, como Mónica Rodríguez, secretaria de Emprendemento e Dinamización Económica, Pedro Blanco, secretario de Emprego, e Gloria Prada, secretaria de Traballadores Autónomos.
“NON SE PODE SER TRILEIRO”
O número un dos socialistas galegos tamén se referiu á proposta rescatada por Núñez Feijóo de que goberne a lista máis votada, e advertiu de que “non se pode ser trileiro” e dedicarse a “construír propostas” en función dos intereses propios que poida ter un partido político. “Iso é tomarlle o pelo á cidadanía”, sinalou.
É máis, Formoso chamou a atención sobre o feito de que o líder do PP limite o seu ofrecemento só ás eleccións municipais, deixando fóra o autonómico, o estatal ou o europeo. Pero, aínda así, o líder do PSdeG parafraseou ao ministro Félix Bolaños e dixo que coa súa translación ao ámbito municipal, “Almeida debería estar dimitindo”.
E algo parecido tería que ocorrer en Ourense, abondou Formoso, onde foron os votos do PP os fixeron alcalde ao representante “da terceira forza política”, a Pérez Jácome, cando o máis votado foi o candidato do PSdeG. “Sexamos serios”, pediu o secretario xeral dos socialistas, para non tomar á cidadanía galega polo que non é, senón que hai que tomala como “un ente maduro, responsable e moi esixente e crítico con quen non se toma en serio a democracia”.